Terían que saír en outubro do correspondente ano académico. Porén, en 2011 non houbo convocatoria, en 2012 reducíronse as prazas en 150 e en 2013 non se publicou tampouco polo de agora. Desde o ministerio de Educación non dan explicación ningunha.
Hai máis dun ano que o ministerio de Educación tería que ter publicada a convocatoria da bolsas para Formación do profesorado universitario, as FPU, as máis importantes no ámbito da investigación.Para que @s traballador@s se incorporen en 2014 a convocatoria tería que se publicar en outubro de 2013 e non se publicou; e para que se incorporasen en 2013 tería que se publicar en outubro de 2012 e tampouco se publicou. Por tanto, son trece os meses de demora que acumula o departamento que dirixe José Ignacio Wert, desde onde non achegan ningunha explicación malia as queixas d@s bolseir@s.
"Mandamos correos-e de maneira individual para preguntar cando tiñan pensado convocar a bolsa e a resposta é a de sempre: "proximamente", "están en trámite", "no se sabe", "no te puedo decir una fecha exacta", "antes del último trimestre del año", "en el último trimestre del año"... e así até o 31 de decembro, imaxino".
Quen se mostra así de indignada é Paula Pérez, bolseira FPU desde hai case un ano. Na facultade de Ciencias de Ourense, pertencente á Universidade de Vigo, desenvolve un estudo sobre os procesos de contaminación e os comportamentos do solo perante substancias coma os pesticidas.
Bolseir@s ''con remuneración e dereitos''
Dixo que a bolsa foi para ela "unha oportunidade para seguir investigando do meu". E o seu é a área de Edafoloxía e Química agrícola. Pérez sinala cara a estas bolsas como "as máis importantes do Estado" en materia de investigación porque garanten "remuneración e dereitos" para alén de que "ofrece a posibilidade de nos formar no estranxeiro, mais sabendo que podemos volver e é case a única vía que nos queda para facer o doutoramento de maneira remunerada".
Xustamente este é o punto en que se atopa esta investigadora: agarda pola convocatoria das FPU de 2013 para solicitar unha estadía fóra, en Escocia. "Se demoran moito máis terei que a pospoñer e non sei até cando, porque primeiro tes que contactar cunha universidade para lles dicir cando tes pensado ir e canto tempo vas estar para que deseñen un proxecto a desenvolver alí, e non podo decidir irme sen saber se me dan ou non a bolsa porque economicamente non me podería permitir esa formación no estranxeiro", explicou Paula Pérez.
Suprimiu as Séneca, despois as bolsas de idiomas, despois intentouno coas Erasmus...
Con todo, a teima que o ministerio de Wert ten nas bolsas de estudo e formación non augura bos presaxios. Primeiro suprimiu as Séneca, que estaban asociadas ao programa Sicue e permitían a mobilidade do estudantado dentro das universidades do Estado español. Despois eliminou as bolsas para estudar idiomas no estranxeiro ás que destinaba un orzamento de 22 millóns de euros e que foron substituídas por un programa de inmersión lingüística dunha semana --fronte ás tres semanas da bolsa-- e que se imparte no propio Estado español.
Recentemente eliminou as bolsas asociadas ao programa Erasmus, que posibilita a mobilidade do estudantado para se formar no estranxeiro. Malia que se viu na obriga de recuar e manter o desembolso económico no presente curso académico, o desmantelamento destas bolsas semella tamén inminente. A demora en convocar as FPU é máis unha estocada do Goberno español ao ensino público, mais non vén de agora. En 2010 @s bolseir@s incorporáronse ás investigacións con cinco meses de demora, en 2011 non houbo bolseir@s e en 2012 a demora a respeito do periodo habitual xa foi de oito meses.
Bolsas para emigrar?
"A xente que ten a bolsa non a vai perder pola demora da convocatoria, outra cousa xa é que decidan finiquitar o programa", sinalou Carlos Hugo González. Bolseiro FPU desde xaneiro de 2010, está a facer un doutoramento en tecnoloxías da información na Universidade da Coruña. Antes de que lla concederan estivo traballando con contratos por obra "deses que nunca sabes se che van renovar ou non até o día antes, aínda que eu tiven sorte".
Coñece ben o panorama laboral que rodea o mundo da investigación e, nese sentido, sen desprezar estas bolsas de formación, ironizou: "ofrecen unha posibilidade estupenda de emigrar a Alemaña porque aquí non hai nada que facer; na Universidade non sacan prazas, no Cesga non hai sitio e no sector privado tampouco abundan as ofertas de I+D".
Traballo ''por amor á ciencia''
Polo de agora, a única mobilización convocada é virtual: @s solicitantes da FPU crearon unha petición na páxina de Change.org e procuran sinaturas. Cómprenlles un mínimo de 2.000 para poder darlle difusión a nivel estatal.
Na última convocatoria, con ela xa publicada no Boletín Oficial do Estado, o ministerio de Educación liquidou 150 prazas, pasando das 950 ás 800 e introducindo unha cláusula nova en virtude da cal a estadía no estranxeiro non se pode facer nos últimos seis meses da bolsa. Sen a FPU, que lles queda aos e ás investigadoras? "Pasar de investigar ou traballar gratis", como apuntou Carlos Hugo González ou, con Paula Pérez, "traballar por amor á ciencia".
Ningún comentario:
Publicar un comentario