venres, 22 de novembro de 2013

Wert afirma que non modificará nin "unha coma" da Lomce e que non pensa dimitir porque lle "consta" o apoio de Rajoy

Di ter visto interpretacións "non moi rigorosas" en manuais de Historia.

O ministro de Educación, José Ignacio Wert, afirmou que nin retrocederá nin modificará "unha coma" da Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (Lomce), que este xoves se aprobou no Senado co único apoio do PP.
Nunha entrevista de TV3 recollida por Europa Press, asegurou que non dará marcha atrás no seu contido nin a modificará, e negou que sexa a causa da tensión política entre Cataluña e o resto de España.
"A tensión política que poida haber entre o goberno de Cataluña e o goberno nacional sinceramente creo que en ningún caso pode ter como orixe o que, en respecto á lingua, di esta lei", sentenciou Wert, que cre que se esaxerou todo o relacionado co seu contido.
Sobre a disposición que prevé introducir o castelán como lingua vehicular na escola catalá, asegurou que, aínda que sexan cinco as familias que piden a escolarización en castelán, hai que prever mecanismos para cubrir esta demanda.

DÁME IGUAL 5 OU 500"

Dáme igual que sexan 5, 50 ou 500. A xente quere facer valer o seu dereito a que o castelán sexa tamén utilizado na proporción que procede", sentenciou Wert, tras mostrar a súa seguridade de que a aplicación desta lei non levará consigo problemas.
Wert, que asegura que o seu Goberno nunca se formulou recuperar a competencia autonómica en educación, recoñeceu que si o fixeron no relativo á elaboración dos contidos da materia de Historia porque viu manuais utilizados "nos que a interpretación dalgúns feitos históricos non parece moi rigorosa".
Malia a polémica xerada polas bolsas Erasmus, Wert asegurou que nunca presentou a súa dimisión nin se formulou facelo.
"Cando un presenta a dimisión, se a presenta en serio, xeralmente acéptanlla. Sempre tiven constancia do apoio do presidente do Goberno", resolveu.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario