xoves, 28 de novembro de 2013

A reforma educativa: Un panorama desalentador

A LOMCE pode acabar propiciando efectos opostos aos que se propón.

A necesidade de proceder á mellora continua dos sistemas educativos non admite dúbida ningunha. Pero ao mesmo tempo, parece obvio que as liñas fundamentais de calquera sistema han de ter a estabilidade necesaria, e que os cambios constantes na lexislación educativa que acompañan a cada cambio de Goberno na nosa historia democrática non favorecen precisamente a calidade. Se ademais, e é o caso da LOMCE, a súa estabilidade queda seriamente comprometida, como o demostra o acordo feito público pola práctica totalidade dos grupos parlamentarios da oposición, comprometéndose a derrogar esta lei, o panorama que se nos presenta non pode ser máis desalentador. Aínda no suposto de que chegue a aplicarse, a denominada Lei Wert non durará moito e non beneficiará en nada ao noso sistema educativo.
Formulada como unha aposta pola calidade educativa e como instrumento para dar resposta tanto ao elevado índice de abandono escolar prematuro coma aos malos resultados de avaliacións internacionais, pode acabar propiciando efectos opostos aos que se propón.
Os índices de abandono e os resultados conseguidos en PISA son enormemente dispares entre comunidades autónomas, e o marco legal é análogo. Non serán, pois, outros factores os que realmente están a producir este desaxuste? Nun sistema no que a organización e xestión está descentralizada, non terá isto algo que ver?
Por outra parte, esta lei aborda unha serie de cuestións que pouco ou nada teñen que ver cos obxectivos que se argüír para xustificala e son motivo de conflito. Nunha rápida e non completa enumeración: suprime o carácter de servizo público da educación; debilita o ensino público fronte á concertada; é percibida como de carácter recentralizador; as linguas propias poden deixar de ser vehiculares; equipara a avaliación externa -indiscutible- coas reválidas que, pola súa repercusión académica, non son o instrumento axeitado para medir o esforzo dos alumnos; a Relixión, ademais de non saír do currículo, adquire valor académico; modifica profundamente o Bacharelato e a Formación Profesional; leva consigo un retroceso no concepto de función directiva ao establecer un modelo afastado do liderado educativo, que vai permitir que entre a afinidade política e o clientelismo na xestión dos centros (que é onde nunca deben entrar) e moi afastado das recomendacións de todos os organismos internacionais, etc..
Non é só outra lei. É unha lei, que cunha forte carga ideolóxica, nos fai retroceder no tempo. O que se presenta como unha solución, acaba converténdose nun problema.
Calquera reforma, se queremos afrontar con éxito os retos que formula a sociedade do coñecemento, esixe identificar as accións que realmente teñan efectos sobre a mellora da calidade educativa. É evidente que este non é o caso.
José Antonio Martínez é o presidente da Federación de Asociacións de Directivos de Centros Públicos (FEDADI)

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario