A oposición carga contra un "ataque" á lingua, cultura e educación, mentres a Xunta critica o seu "alarmismo" e as súas "críticas sen rigor".
O conselleiro de Cultura, Educación e
Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, revelou este luns que o
11,7 por cento dos alumnos pagará o prezo máximo do menú escolar, de
4,50 euros, entre críticas das tres forzas da oposición na Cámara ao
novo "repagamento".
Na súa comparecencia en comisión parlamentaria para detallar os
presupostos do seu departamento, Vázquez Abad apuntou que, con datos do
98 por cento do alumnado, outro 3,3 por cento pagará 2,5 euros e que o
5,5 por cento deberá aboar un euro. Así as cousas, un 77,6 por cento
comerá "gratis" nos comedores escolares galegos."Antes, o 92 por cento dos alumnos comían gratis", replicou o deputado de AGE Ramón Vázquez, quen cuestionou, ao igual que Vicente Docasar (PSdeG) e Cosme Pombo (BNG), o incremento do prezo do menú en "un 40 por cento" malia que a Xunta aboa "un máximo de 2,40 euros" á empresa que serve a comida.
" É facer negocio! ", espetou ao conselleiro, subliñando que esa tarifa "case permite ir a comer a un restaurante". Dito isto, rebateu os datos do titular de Educación ao resaltar que non aumentaron os usuarios" deste servizo --hai 9.000 prazas máis, segundo os seus datos-- senón os seus "clientes".
Ademais, os tres voceiros da oposición cuestionaron que a este "repagamento" se sume outro no transporte escolar, que negou o propio conselleiro. E é que a redución do 3,1 por cento na súa partida presupostaria se logrou, como explicou, grazas á "racionalización" de liñas e ao "esforzo" das empresas cos seus prezos.
LIBROS DE TEXTO
Na mesma liña, o deputado socialista criticou a supresión do sistema de préstamo de libros de texto implantado polo bipartito por outro que "é máis caro" e "deixa tiradas a miles de familias" neste momento de crise por "favorecer os libreiros". "Segue habendo nenos que van sen libros a clase", denunciou.E, entre a ringleira de "preguntas" de distintas persoas que levou á comisión, sinalou que "unha nai no paro e un marido que nin é mileurista" preguntan a Vázquez Abad se sabe canto custan" eses manuais.
" Parece Papá Noël, todo o mundo lle escribe! ", soltouno o conselleiro, antes de avanzar un novo proxecto por 1,5 millóns de euros para a compra de libros electrónicos en centros Abalar. Ao respecto, o popular Román Rodríguez engadiu que o anterior modelo impedía os alumnos ter manuais para "consultas" na casa.
GALEGO
Outro asunto que os grupos da oposición utilizaron para cargar con dureza contra a Xunta é a redución das partidas para fomento do galego. " Que ten en contra do galego? ", interpelou directamente Cosme Pombo o conselleiro, antes de sinalar que os seus fondos estarán en 2014 ao nivel de 1993.Neste "retroceso de 20 anos" fixo tamén fincapé Ramón Vázquez, ao que Vicente Docasar deixou claro que estes "presupostos da aldraxe e a humillación" aos "sinais de identidade" de Galicia non son atribuíbles "á crise". "É o particular loita do PP" "contra a lingua e a cultura do país", sentenciou.
Pola súa banda, Vázquez Abad replicou que esta "baixada" se centrou en "asesores". "Xa non necesitamos unha subdirectora xeral que persiga a directora xeral para ver se fai 'a' ou 'b ", sentenciou, e destacou que as achegas á Real Academia Galega se manteñen e que o plan director do libro apoiará tamén a edición en galego.
PROFESORADO
Tamén puxo en valor que este curso non haberá apenas diminución no número de docentes, posto que só caen en catro os profesores de Relixión, en contraste co acontecido os tres exercicios anteriores. Como el mesmo apuntou, foron 320 as xubilacións non cubertas no curso 2010/11, por 587 en 2011/12 e 369 o pasado ano.Ademais, destacou que a ampliación do horario lectivo e a cobertura das xubilacións con interinos, que non perciben "trienios ou sexenios", permite certo aforro. "Fan cadrar as súas contas castigando os profesores", lamentou o deputado socialista, crítico tamén coa baixada salarial aos docentes universitarios.
Esíxeselles o mesmo que ao resto de funcionarios públicos, recordou o conselleiro, ao tempo que indicou o nacionalista que en 2013 "se informaron favorablemente máis de 200 prazas de profesores para as tres universidades galegas".
Sen abandonar o ámbito universitario, ao representante de AGE explicoulle que a Xunta aumentará os recursos destes centros como consecuencia do "cumprimento" do Plan de Financiamento 2011-2015. "Galicia é a excepción; outras comunidades teñen as súas universidades ao bordo do colapso", advertiu.
A maiores, destacou a dotación de 3,5 millóns de euros para centros de investigación universitarios.
CONCERTOS E RELIXIÓN
Preguntado directamente sobre os motivos de que as partidas para Relixión e para os concertos coa educación privada sexan "as únicas" que non sofren un descenso nas contas para o ano próximo, Vázquez Abad atribuíu o primeiro extremo ao tratado subscrito polo Estado coa Igrexa.En canto aos concertos, aseverou que hai 12 unidades concertadas menos que en 2009 e "máis de 50" públicas sobre as existentes o último ano de Goberno de socialistas e nacionalistas en Galicia.
CIDADE DÁ CULTURA
En materia cultural, o deputado do Bloque lamentou que se destinen 4,2 millóns de euros para "o sono de Don Manuel", a Cidade da Cultura, mentres que o resto de entidades culturais se reparten 600.000 euros."O presuposto de bibliotecas sobe e o da Cidade da Cultura baixa, a pesar de prestar un servizo moi superior a todos os galegos a través da Amtega (Axencia de Modernización Tecnolóxica) e do Agadic (Axencia de Industrias Culturais", respondeu o responsable de Cultura, sinalando así que os fondos "propiamente dedicados" ao complexo do Gaiás son "moi inferiores" ao total que figura nas contas.
Non obstante, para o socialista monfortino, "todas as cifras da cultura galega" neste presuposto van "precedidas do símbolo menos". "Menos para conservación do patrimonio, para a edición, para a música e para as actividades culturais", resumiu, ao que Ramón Vázquez engadiu que estas contas "afondan no austericidio cultural".
Para pechar o debate, Vázquez Abad resaltou o aumento do 17,1 por cento das transferencias de capital a Agadic, o incremento das partidas para construción e equipamentos nos concellos e o mantemento dos fondos ao Consorcio de Santiago. En patrimonio, destacou actuacións de mellora na Muralla de Lugo, obras de restauración na Catedral de Ourense e medidas "urxentes" no Conxunto Catedralicio de Tui (Pontevedra), entre outras.
"ALARMISMO"
Por todo, o conselleiro pechou o debate criticando o "alarmismo" das forzas da oposición. "Non falan dos logros importantes para as familias", lamentou, en referencia ao aumento de horas de atención ao alumnado ou á Lei de Convivencia Escolar, ao tempo que lles afeou "que lancen críticas sen rigor".Antes, o deputado socialista censurara "o quinto ataque consecutivo á educación pública, a cultura e a lingua" da actual Xunta; mentres que Ramón Vázquez lamentara que estas contas supoñen "un salto atrás de 10 anos" para a educación e a cultura galegas. Pola súa banda, Pombo puxera en cuestión "a política social" deste Executivo, xa que as consellarías con máis caída de fondos son, por esta orde, Sanidade, Educación e Traballo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario