xoves, 21 de novembro de 2013

A policía cébase co estudantado: cargas no protesto de Vigo contra a LOMCE

Milleiros de moz@s secundaron a mobilización que na cidade olívica convocou o Sindicato de Estudantes o mesmo día en que a Lei de Wert chegou ao Senado, onde recibirá o visto e prace esta quinta feira. A manifestación saldouse con seis persoas detidas.

"É un crío! Deixádeo en paz!", "Animais! Que sodes uns animais de merda!", "A pistola faivos valentes?", "É un neno!". Son algúns dos berros que @s manifestantes proferiron en contra dos antidisturbios na mobilización convocada esta cuarta feira en Vigo polo Sindicato de Estudantes en contra da LOMCE, que recibirá na quinta día 21 o visto e prace do Senado. 


O vídeo, gravado cun teléfono móbil que a propia policía tirou ao chan dun golpe propinado coa porra, difundiuse a fume de carozo nas redes sociais. "A acción dos antidisturbios foi totalmente desproporcionada", denunciou Alberto Fernández, responsábel do Sindicato de Estudantes en Vigo.
A organización estudantil subliña o carácter "completamente pacífico" das manifestacións do ensino en xeral e desta en particular até que @s moz@s chegaron á altura da Gran Vía.

Foi alí onde,segundo o Sindicato, por volta de 20 persoas coa cara cuberta "causaron desperfectos" como a queima de colectores do lixo, dixo Fernández, enfatizando que "eran individuos alleos á convocatoria" e que "foron eles os que provocaron as cargas policiais".

Malia rexeitar as maneiras con que estas persoas irrumpiron no protesto, "facéndolle o xogo ao PP ao provocaren danos", o Sindicato de Estudantes --que fai parte da Plataforma galega en defensa do ensino público-- amosou a súa repulsa a respeito da acción da policía española, que non dubidou en disparar bólas de futbolín e bólas de goma contra os corpos d@s estudantes.

"Ao final da manifestación tamén houbo máis cargas", informou Alberto Fernández, rexeitando que foran integrantes da súa organización @s que deron aviso á policía para que emprendese accións contra esas 20 persoas que din "alleas" ao colectivo estudantil.

Segundo contou Fernández, a presenza de efectivos dos antidisturbios antes de encetar a mobilización era xa "numerosísima" en comparación con convocatorias estudantís anteriores. As cargas practicadas en Vigo esta cuarta feira son, ao entender de Fernández, máis unha mostra das políticas do PP para "acernar os dereitos democráticos".

Ningún comentario:

Publicar un comentario