Falar no idioma galego é a expresión máxima dos vínculos históricos e culturais que partillan Galiza e as comarcas do Bierzo e Sanabria. Porén, do outro lado do Telón de Grelos, o recoñecemento desta lingua está na corda bamba.
O ensino do galego no Bierzo e en Sanabria é unha demanda social non só de colectivos culturais, senón tamén das nais, dos pais e do propio alumnado. Do outro lado do Telón de Grelos, a lingua tórnase na expresión máxima dos vínculos históricos que axugan Galiza coas dúas comarcas.Segundo dados oficiais da Xunta, son 31.200 as persoas que alí falan galego. Porén, a protección deste dereito, recoñecido na Lei de Normalización Lingüística, está na corda bamba. A labazada da Junta de Castilla y León (PP) vai parar a onde máis doe, ao ensino.
Desmantelado en dous centros o programa de inmersión en galego
Á reticencia do profesorado e da dirección dos centros súmase a conivencia do Goberno, que ten competencias en materia educativa.
A Junta fixo desaparecer das materias optativas do bacharelato o programa de inmersión lingüística nesta lingua. Fíxoo primeiro en Cacabelos, no IES Bergidum Flavium, un dos catro institutos que imparten galego na comarca e o único fincado nesta localidade.
"Non avisaron con antelación e os alumnos estaban xa matriculados", explica Xabier Lago, portavoz e presidente do colectivo Fala Ceibe. Os protestos das asociacións de nais e pais conseguiron salvar o programa, malia que estudantes con distintos níveis de galego partillan aula e non hai profesorado dabondo para atender as súas necesidades.
Unha semana despois, a Junta repetiua xogada noutro centro, o IES Europa, en Ponferrada. Desta volta non se procedeu ao agrupamento de unidades. Ofrecéronse dúas alternativas: ora mudar de instituto, a un dos outros dous que seguen a impartir aulas en galego, ora renunciar a esta optativa.
Profesorado de Castela e monolingüe en español
O motivo para tronzar a posibilidade de estudar en galego foi "que non había alumnado suficiente", denuncia Xabier Lago. Con todo, quéixase de que "non sabemos nin cantos estudantes hai porque a Junta pasa de nós" e alerta de que a nova baremación do profesorado leva aos centros docentes "novos e sen experiencia" que chegan de Castela e son monolingües en castelán.
"Non entenden a riqueza do bilingüismo e carrexan prexuízos por considerar o galego unha lingua menor", coas conseguintes trabas pedagóxicas. A consecuencia: "o nível de galego está a baixar moito".
A implantación do ensino de galego na comarca do Bierzo encetou en 2001 "e tivo sempre problemas". Malia que a televisión e a radio públicas da Galiza se reciben "con normalidade", nos centros de ensino hai "resistencia" entre profesorado e equipas directivas. A posibilidade de recibir aulas "é restrinxida", subliña Fala Ceibe, pois non existe unha oferta lectiva coma tal. O galego emprégase na educación primaria na materia de Coñecemento do Medio; en secundaria na de Ciencias Sociais; e no bacharelato existe unha materia específica de Lingua e Cultura Galega.
1.000 alumn@s para unha lingua ''moi desprestixiada''
Emprégase "sobre todo nos centros rurais do Bierzo occidental e nas vilas máis importantes". En Ponferrada, dos tres institutos que hai dous impartían galego até que a Junta meteu man. "Haberá algo máis de 1.000 alumnos entre todos os centros e a lóxica é que vaian a menos con todos estes atrancos; se non pasa neste curso pasará o ano que vén", lamenta Xabier Lago. Na parte oriental da comarca institutos como os de Bembibre ou Palacios del Sil imparten aulas de galego-portugués.
O galego non ten recoñecemento xurídico na comarca do Bierzo. "Non podemos lelo nos medios de comunicación nin usalo nas administracións", di Lago. É unha lingua "moi desprestixiada" e, ao igual que na Galiza, quen a falaba foi perseguid@ na ditadura.
O alumnado matricúlase en galego "por razóns puramente pedagóxicas, non sentimentais", como a ansia de continuar os estudos nunha universidade do noso País. "Fóra do centro non o falan", recalca o voceiro de Fala Ceibe. Así que a única posibilidade de que a ligadura cultural e histórica entre a Galiza e o Bierzo non rache é frear o desmantelamento do ensino na lingua que comparten.
Ningún comentario:
Publicar un comentario