O estudantado de Grao denuncian o desmantelamento da disciplina que supón a LOMCE e as "agresións" que contra ela carrexaron todas as reformas educativas.
O alumnado da facultade de Filosofía da USC, a única da Galiza, encetou este 26 de novembro un encerramento reivindicativo acordado en asemblea "para poñer de manifesto as agresións que vén sufrindo a nosa disciplina" por parte do Goberno español.Coa LOMCE no albo, denuncian que esta lei afectará "de maneira profunda" ao eliminar dúas das tres materias obrigatorias que compuñan a docencia secundaria neste campo. A lei de Wert carrexará, din, "o maior ataque aos estudos en Filosofía en toda a historia da democracia".
"As artes, a música, as materias de Humanidades non serven nun ensino orientado ao mercado de traballo. Son ornamentais", quéixase Ana Alonso, secretaria da Sociedade galega da Filosofía, Sogafi, e profesora desta materia no ensino secundario.
As reformas educativas
A materia foi perdendo horas lectivas polo camiño das reformas educativas acometidas no Estado español —a LOMCE sería a sexta—, até o punto de que a Lei xeral de educación, aprobada aínda na ditatura, contemplaba a filosofía como materia obrigatoria en bacharelato e COU. Aliás, cando a relixión deixou de ser obrigatoria, a ética apareceu como alternativa en BUP con dúas horas de aulas á semana.
Coa LOGSE (1990), filosofía deixou de ser troncal en segundo de bacharelato e pasou a ser de oferta obrigatoria só en Humanidades. Coa LOE (2006) a materia ficou reducida a dúas horas na Galiza, fronte ás tres que ten no resto do Estado. Ao tempo, relixión comezou a se ofertar en segundo de bacharelato por primeira vez na historia.
Consecuencias da LOMCE
Coa LOMCE, filosofía será materia específica en 4º da ESO, coa mesma importancia que a relixión; troncal en primeiro de bacharelato e, en segundo, Historia da Filosofía será tamén troncal mais non será obrigatoria. Con todo, si sería obrigatoria a Historia de España, "necesaria para a estratexia recentralizadora que pretenden", denuncia a profesora Alonso, quen ten claro que a materia que imparte no IES Xelmírez II de Compostela "simplemente desaparece".
Luís Soto, ex-decano da facultade de Filosofía da USC, convida a reflexionar sobre "até que punto os valores éticos son unha alternativa á relixión? Por que non o son a físicas? A ética debera ser parte fundamental da formación integral da persoa". Porén, entende que non interesa "porque do que se trata é de formar operarios facilmente manipulábeis, ao se faceren as menos preguntas posíbeis sobre as súas condicións sociais e laborais".
Após as accións de protesto que se levan feito xa, coa leitura pública de textos filosóficos ou a entrega dun libro dirixido ao conselleiro de Educación co rogo de que o doase a unha biblioteca pública para o estudantado ter acceso a el fóra das aulas xa que non o terá dentro delas, chega agora este encerramento reivindicativo na facultade compostelá. Contra o desmantelamento de filosofía e do sistema educativo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario