Incluirán actuacións musicais, teatro, maxia e participación de escritores e escritoras
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino
Público presentou este luns 11 de novembro en rolda de prensa o programa
dos diferentes actos contra a LOMCE que se realizarán na tarde do
mércores 13 de novembro en oito localidades distintas. Santiago, A
Coruña, Lugo, Ourense, Vigo, Pontevedra, Ferrol e Carballo acolleran os
actos que terán como protagonista á cultura, con actuacións musicais,
teatro, maxia e participación de escritores e escritoras. Consulta no
interior da nova a programación dos diferentes actos.
Santiago
Biblioteca Ánxel Casal, 19:00h. Participarán: - Federico Pérez Rey (actor), Berta Dávila (escritora), Suso de Toro (escritor), Quico Cadaval (director e actor). Actuacións musicais a cargo de: Sonia Lebedynski (música e profesora), Alonso Caxade (músico e profesor), Najla Shami e a coral de Solfa.
A Coruña
Auditorio Andrés Gaos (Conservatorio Superior da Coruña), 19 h.Participarán:- César Cambeiro, Combo de Jazz do Conservatorio, Magín Blanco, María Canosa, Martín Camiña, Pedro Brandariz, Tombalobos Orquestra, Xabier Díaz…
Vigo
Marco (rúa do Príncipe), 20h.Participarán:- Ferreñudos do Morrazo Ghaiteiros Subwertsivos, Tino Baz, Marta Quintana, Laura Quintillán e Alumnado e profesorado AntiLOMCE.
Lugo
Salón de Actos da casa sindical, 20h.Participarán- Isidro novo (poeta). Coro AntiLOMCE lugués, Ensemble de clarinetes do CMUS de Lugo, Vaitewert Folk, Ailalelos trío e Tundal.
Ourense
Auditorio municipal (rúa da canle, 2), 19:30h. Participarán- Xose Lois González “O carrabouxo” e Teresa Devesa. Actuarán Terra Morena e o Gaiteiro Anónimo.
Ferrol
IES Concepción Arenal, 19.00Participarán - Antón Cortizas, "Exame tipo Lomce”, Mago Fiz, Grupo de Teatro da Sociedade Cultural Medulio, Miguel Neira (músico), actuación musical a cargo do alumnado do Conservatorio Xan Viaño de Ferrol, lectura de textos a cargo de alumnado de distintas etapas educativas.
Pontevedra
Galería Sargadelos, 19.30Participará- Carlos do Viso (músico)
Carballo
Pazo de Cultura de Carballo, 19,30- Actuación musical do grupo Mala Vida
Con estes actos, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público retoma as mobilizacións contra a LOMCE despois do éxito da folga do 24 de outubro e das mobilizacións nas que participaron milleiros de persoas.
En representación da Plataforma Galega en Defensa Do Ensino Público estiveron na rolda de prensa Anxo Louzao , da CIG-Ensino, Fernando Lacaci da Federación de ANPAS de Compostela, Carlos García, dos Comités, Carme Romero, da AS-PG e Alberte Mera, de Galiza Nova.
Este actos realízanse unha vez que a tramitación parlamentaria da LOMCE, explicou Anxo Louzao, empeorou o seu contido, ao incluír medidas como a cesión de balde - pola Administración- de chan para a construción de centros privados concertados, a oferta obrigatoria da relixión no bacharelato ou que a lingua vehicular do ensino en todo o Estado é o castelán “negando a diversidade cultural e lingüística”. Ademais recóllese, a través dunha disposición, que se recuperen os concertos con centros que segregan alumnado por razón de xénero naquelas comunidades nas que se suprimiron e o trámite no Senado pode supor, tamén, que se inclúa a relixión na Formación Profesional. Non obstante, lembrou Louzao, hai que ter en conta aspectos positivos aos que deron lugar as mobilizacións contra a LOMCE e que son que o PP foi o único que votou a favor da lei e que a oposición xa se comprometeu a derrogala no caso de que se produza unha alternativa de goberno no Estado,
Os actos do 13 de novembro poñen o acento ademais en que a oposición a LOMCE non nace unicamente do profesorado, alumnado e familias, , explicou Fernando Lacaci, senón que é a sociedade no seu conxunto a que rexeita a lei. Por iso, neste actos, participa xente que non ten nada que ver co ensino pero que quere colaborar na loita contra a LOMCE. Tamén o representante dos Comités, Carlos García, insistiu en que esta lei só vai traer problemas e deixar fóra do ensino á xente do común e con menos recursos, que vai ser a verdadeira perxudicada.
Os actos do 13 de novembro da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, nos que se esixira a retirada da lei, terán continuidade proximamente cunha entrega de sinaturas contra a LOMCE de persoas vinculadas ao mundo da cultura, que están a dar o seu apoio ao manifesto “Cultura contra a LOMCE”.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público está integrada pola AS-PG, CIG-Ensino, Comités, Liga Estudantil Galega, Federación Provincial de ANPA de Lugo (FAPACEL), Federación de ANPA de Compostela, Federación de ANPA da Costa da Morte, a Federación de ANPA de Ferrolterra (FEANPAS), Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público, Federación ANPA Ponteareas (FANPO), Sindicato de Estudantes, BNG, Galiza Nova.
Ningún comentario:
Publicar un comentario