CIG-Ensino denuncia que as “subvencións extra” para a privada non son albo de recortes, como si o é, engade, o ensino público.
A Consellaría de Educación publicou no DOG de 31 de outubro (festivo) a orde pola que se convocan axudas a centros privados concertados para a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Con esta orde, informa CIG-Ensino, o departamento autonómico volverá “desviar un importante financiamento extraordinario aos centros concertados”. Unha partida esta, apuntan desde o sindicato nacionalista, que non sofre recorte respecto 2011 e 2012. “Moi ao contrario, pois mantén o incremento orzamentario respecto de 2011, superior ao 37%”.“Os centros privados que resulten beneficiados con esta subvención van poder contratar persoal complementario co que nunca poden contar os centros públicos"Así, a subvención destinada a estes centros pode ascender este ano a 300.000 euros, (287.534 para os centros de infantil, primaria e secundaria e 12.466 para FP).
Son achegas económicas dirixidas o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, “naqueles aspectos que non estiveran xa cubertos polo correspondente concerto educativo”. Para a CIG-Ensino son “unha subvención extra, por riba do propio concerto que teñen establecidos estes centros, ningún deles de Educación Especial. Estas subvencións permítelles a estes centros prestar servizos, modificar instalacións e contratar persoal que os centros públicos, nin sequera os de Educación Especial. Estamos pois ante un caso flagrante de discriminación en favor do ensino concertado”.
Facilitar medios á privada que a pública non pode ter
“Os centros privados que resulten beneficiados con esta subvención van poder contratar persoal complementario co que nunca poden contar os centros públicos: logopeda, fisioterapeuta, axudante técnico educativo, traballador@s sociais ou intérprete de linguaxe de signos. Ademais, poderán facer fronte con esta subvención a reparacións e mantemento da adaptación das instalacións ou á adquisición de material específico”.
Para a CIG-Ensino, o feito de que a Consellaría de Educación convoque este tipo de subvencións, que veñen incrementar os fondos destinados ao ensino privado que superan os 240 millóns anuais, é “unha provocación e un escándalo ante os continuos recortes que está a sufrir o ensino público”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario