Cifran o seguimento da folga convocada para hoxe no 80% en ensinanzas medias e no 50% nas superiores.
Centos de estudantes de toda Galicia saíron de
novo á rúa contra a Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa e os
recortes no ensino público, coincidindo co inicio do debate da norma no
Senado, que prevé a súa aprobación este xoves. Finalmente, a chamada 'Lei Wert'
non recibirá o visto e prace da Cámara ata mañá, cando o remitirá ao
Congreso para a súa aprobación definitiva, que se espera que sexa antes
de final de ano.
Mentres tanto, miles de estudantes celebraron
protestas en todo o Estado para mostrar que non se dan «por vencidos».
En Galicia, celebráronse manifestacións e concentracións en Ferrol, A
Coruña, Santiago, Vigo e Lugo ás 12.00 horas. Tras unha pancarta na que
se lía En defensa do ensino público paremos a reforma franquista',
centos de estudantes saían da Alameda compostela para percorrer as rúas
da capital galega entre berros e consignas de «nin Lomce, nin taxas nin
selectividade, ou fillo do obreiro á universidade» ou «a culpa de quen é, dous que votan ao PP,».
Os estudantes cifraron o seguimento da xornada de folga convocada contra os recortes e o proxecto de Lei Orgánica de Calidade da Educación (LOMCE),
que se somete dende este mércores ao debate no plen do Senado, nun 80%
nas ensinanzas medias e nun 50% nas ensinanzas superiores nas grandes
cidades.
A secretaria xeral do Sindicato de Estudantes,
Ana García, emprazou ademais pais, alumnos e profesores a secundar
proximamente unha nova folga xeral de 72 horas na educación para
«triplicar o éxito do pasado 24 de outubro». Así mesmo, celebrou o
«impulso» que os traballadores de limpeza e xardinaría do Concello de
Madrid deron aos estudantes «tras o éxito da folga de 13 días».
Mentres, o presidente da Federación de Estudantes
Progresistas, Fidel González, sinalou que o seguimento na universidade
foi inferior ao das ensinanzas medias, situándose nun 50% en grandes
cidades, como Madrid, Barcelona, Valencia e Zaragoza. Nesta última,
segundo explicou, cifrou o seguimento nun 78%.
Ningún comentario:
Publicar un comentario