INFORMACIÓN E SUXERENCIAS SOBRE ACTIVIDADES FORMATIVAS E OUTRAS CUESTIÓNS RELACIONADAS COA EDUCACIÓN DOS ALUMNOS DO C.E.I.P.
xoves, 7 de novembro de 2013
COMUNICADO SOBOR DA MOBILIZACIÓN DO DÍA 24 DE OUTUBRO
Dende a Confederación Galega de ANPAS de Centros Públicos, (CONFAPA-Galicia), queremos facer público o noso recoñecemento a todas e cada unha das nais e pais de alumnos que, coas súas entidades representativas, as ANPAs, conseguiron baleirar as aulas deste país, dende a Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Escolas de Música, FP e a Universidade, en algo máis dun 82%, deixando clara a súa tallante oposición ás políticas dos Goberno do Estado e da Xunta de Galicia.
A Plataforma en Defensa do Ensino Público*, máximo expoñente da Marea Verde Galega, liderou o día 24 unha incuestionable folga xeral educativa en Galicia e conxuntamente no resto do Estado, contra os recortes en Educación e contra a lei Wert, chamada LOMCE.
A ANPAs do Ensino Público, integradas nas catro federacións provinciais que conforman CONFAPA-Galicia, representamos a máis de 800 ANPAs de toda Galicia, temos moi claro o noso compromiso coa defensa dos dereitos dos nosos fillos e estivemos á altura dese compromiso, o pasado día 24, (así como no dia a dia), realizando un exercicio de democracia e de cidadanía activa, baleirando as aulas e enchendo as rúas nunha expresión de dignidade das que nos sentimos lexitimamente orgullosos. Debemos esa defensa aos nosos fillos e fillas, ao alumnado, sendo conscientes que de non o facer teriamos que pedirlles perdón toda a vida.
A política de recortes en Educación do actual Goberno da Xunta, vai directamente dirixida contra o principio de igualdade e afonda na inxustiza, provocando coas súas políticas a exclusión de miles de nenos e nenas, de miles de familias que non saben de onde van sacar o diñeiro para pagar os libros dos seus fillos, cun decreto de Comedores rexeitado polo Conselo Escolar de Galicia, a través da aprobación do ditame de devolución promovido e defendido polas tres conselleiras de CONFAPA-Galicia nese órgano. Un decreto que incrementa tarifas un 40%, que exclúe alumnado que o precisa, cando derivado das nefastas políticas, aparece o fantasma da fame, a pobreza, que xa afecta a máis dun de cada catro nenos neste país. Así como engadir os milleiros de profesores e persoal docente que perdemos na Escola Pública nestes anos. E cando miles de alumnos teñen que abandonar os estudos polos incrementos de taxas, cotas e un inxusto Decreto de Bolsas, contra o que CONFAPA-Galicia, integrante de CEAPA, presentou un recurso que o Tribunal Supremo acaba de admitir a trámite hai dúas semanas.
A Comunidade Educativa unida, familias, profesorado e alumnado, conseguimos que a lei Wert, (LOMCE), estea morta antes de nacer tendo despregado un traballo inxente de concienciación da sociedade. E non nos importa que o Sr. Wert e o Goberno da Xunta xoguen co calendario da LOMCE: Nin 2016, nin 2017; estamos convencidos de que a LOMCE non se aplicará; que o Tribunal Constitucional a anulará, e será derrogada no 2015.
CONFEDERACIÓN GALEGA DE ANPAS DE CENTROS PÚBLICOS
Rúa Orzán, 21. 15003 A Coruña Tlf. 981202002 - Fáx. 981201962
Correo-e: confapagalicia@yahoo.es
Xunto coa nosa felicitación, queremos facer chegar ás familias galegas, a través das súas entidades representativas, as ANPAs, o noso recoñecemento e fraternal abrazo, ademais de reiterarlles o inequívoco compromiso na defensa dos dereitos do alumnado, os nosos fillos e fillas, e da Escola Pública, da Confederación Galega de ANPAs de Centros Públicos, (CONFAPA-Galicia), e das federacións provinciais que a integran.
Instamos ao Goberno do Estado á retirada da ley Wert, (chamada LOMCE), e á Xunta de Galicia a retirada do Decreto de Comedores e a derogación de todas as medidas de recorte ao ensino público galego.
26 de outubro de 2013
Xunta Directiva
CONFAPA-Galicia
(*): A Plataforma en Defensa do Ensino Público está integrada por: Confapa-Galicia, Federación de Ensino de CCOO, FETE-UXT, Sindicato de Estudantes, Iniciativa Estudantil Galega e Escola Viva. Nesta mesma nota, queremos facer público noso recoñecemento aos demais sindicatos de profesores e traballadores docentes, que non estando integrados nesta Plataforma participaron, contra os recortes e a Lomce, cóbado con cóbado, nas nosas manifestacións, nun xesto unitario que non queremos deixar de subliñar e poñer en todo o seu valor: ANPE, STEG e CSIF.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario