Nais e Pais reclaman á administración que asuma a xestión de servizos como comedores e actividade que están a recaer en boa medida nas propias Anpas. No primeiro encontro de Asociacións de Nais e Pais que se desenvolveu en Lugo anunciaron que “pelexarán” para que a Lomce non saia adiante.
As Federacións e Anpas reivindicou en Lugo que todos os servizos que maiormente están prestando nos centros escolares como xestión de comedores ou actividades extraescolares sexan asumidos pola Administración. “As nais e pais non somos xestores de actividades, somos voluntarios que prestamos todo o noso tempo libre a traballar pola educación dos nosos fillos”, manifestan, destacando tamén a diferencia existente entre as asociación do rural e das zonas urbanas, que “mentres unhas se centran en que os centros non perdan servizos básicos (mestres, comedores---), as outras en facer un traballo para a conciliación da vida laboral e familiar”.“O futuro que lle espera o ensino en Galicia coa aplicación da Lomce é de gran retroceso”, recollen na clausura da xornada na que tamén manifestan que teñen que “conseguir que esta lei non saia adiante e pelexar para un ensino público, galego e de calidade”.
Federación de Anpas de toda Galiza participaron no primeiro encontro que se desenvolveu ao longo do sábado en Lugo. Asistiron as Federacións de Ferrol, Narón, Coruña, Costa da Morte, Cangas, Val Miñor, Santiago, Carballo, Arteixo, Lugo, Monforte, Alfoz, e varias anpas da cidade de Lugo.
No encontro de Lugo compartíronse experiencias entre anpas e federacións e defendeuse o interese de traballar conxuntamente na defensa do ensino público de calidade. “Temos que ter claro que o noso traballo é moi importante para a sociedade e conseguir ese prestixio social que a día de hoxe non temos recoñecido”, defenden.
Na xornada participou tamén o responsábel da área de ensino da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro quen denunciou que “o PP vai facer retroceder décadas o sistema educativo. Coa aprobación da LOMCE e os recortes en todos os eidos da educación, comedores, libros de texto, profesorado, etc, o PP está a desfacer o sistema educativo que coñecemos por intereses totalmente ideolóxicos”. Afirmou que a lei nace xa morta xa que foi aprobada só cos votos do PP e unha inmensa oposición social.
Ningún comentario:
Publicar un comentario