A deputada Ana Pontón transladou ao director xeral as queixas de colectivos sociais e culturais, así como do profesorado, a respeito de que a Junta non está a cumprir o convenio asinado coa Xunta.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, expresou o seu compromiso de garantir o ensino do galego na comarca do Bierzo e en Sanabria "mellorando o convenio asinado" entre a Xunta de Galiza e a Junta de Castilla. Fíxoo esta quinta feira no Parlamento galego ao dar resposta a unha pregunta oral formulada pola deputada do BNG Ana Pontón.A nacionalista lamentou que nunha zona galegofalante "o galego só é unha optativa" e reclamou a García que se tomen as medidas necesarias para que calquera estudante que escolla esa materia a poida cursar sen que se repitan as incidencias deste ano académico, onde dúas alumnas do IES Europa, en Ponferrada, tiveron que se decantar polas aulas de francés e un terceiro alumno cursa a materia noutro centro ao non haber docente para impartir galego.
O secretario xeral quitou ferro á situación enfatizando que se trata "só de dúas alumnas". Son tres estudantes @s afectad@s e serían moit@s máis de non frearen as asociacións de nais e pais as intencións da Junta con xornadas de mobilizacións recoñecidas polo propio García: "sei que houbo protestos", dixo.
Que aconteceu?
No instituto de Bergidum Flavium, en Cacabelos, o único desta localidade que imparte galego, quedou sen docente desta materia. A consellaría evitou unha contratación desprazando para alí a profesora de galego do IES Europa, aproveitando que neste centro só tres persoas escolleran a optativa. A est@s alumn@s enviábanas ao instituto do lado, o IES Virgen de la Encina, para cursar só esta materia. Un aceptou e as outras dúas cambiáronse a francés.
Porén, nais e pais encetaran xa unha campaña de mobilizacións en contra do desmantelamento do programa que garante o ensino en galego tanto en Cacabelos como en Ponferrada polo que, segundo o secretario xeral, a Junta contratou unha docente a media xornada para o IES Bergidum Flavium e transladou outravolta ao IES Europa a súa profesora.
Cal é o panorama agora?
No centro de Cacabelos alumn@s de distinto nível partillan aula namentres en Ponferrada a docente non ten alumn@s porque non se habilitou a maneira de que @s tres que escolleran galego puideran, dunha vez, recibir aulas desta lingua.
No Bierzo, profesorado e colectivos culturais como Fala Ceibe temen que a deste ano fora unha tentativa de deixar sen efecto o convenio entre a Xunta e a Junta. A este respeito, Ana Pontón deu leitura a unha comunicación que recibiu nestes días por parte dunha asociación de docentes berciá en que informaban a deputada de que "aquí todo segue coma sempre" e que, a tres semanas para que finalice o primeiro trimestre do curso escolar, "no IES Europa aínda hai alumnado agardando a que se restitúa a materia de Lingua e Literatura galegas".
Que vai facer a Xunta?
O secretario xeral de Política Lingüística comprometeuse a encetar conversas coa Junta para garantir o cumprimento do protocolo acordado. Dixo Valentín García que o programa de inmersión lingüística en galego, asinado en 2001 e renovado en 2006, "ten notábel éxito" cun total de 1.078 matriculad@s en centros de infantil, primaria e secundaria e outr@s 60 na escola oficial de idiomas de Ponferrada, "unha das cotas máis altas da súa historia", recoñeceu.
Segundo se comprometeu co BNG, a Xunta porá en marcha actividades lúdico-educativas que incrementen o número de matriculacións no bacharelato, o nível onde menos alumn@s escollen galego como optativa. Aliás, "reforzaremos" o envío de material e "trataremos de achegar" o estudantado do Bierzo á docencia do galego na Galiza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario