As alumnas da
Facultade de Filosofía da USC, reunidas en asemblea, tomamos a decisión
de realizar un peche reivindicativo para poñer de manifesto as agresións
que por parte do goberno ven sufrindo nos últimos tempos a nosa
disciplina. A nova Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa
(LOMCE), impulsada polo Partido Popular, afecta á Filosofía de maneira
profunda: procederase á eliminación de dúas das tres materias
obrigatorias que compoñían a docencia secundaria en dito campo. Isto
supón o maior ataque aos estudos en Filosofía en toda a historia da
democracia.
Non aceptamos estes
recortes: responden a unha dirección puramente ideolóxica en consonancia
coas pretensións do neoliberalismo imperante. Son recortes políticos
que a través dos medios de comunicación se nos venden como necesidades
económicas nestes tempos de crise.
Aínda que a nosa
disciplina resulta especialmente damnificada polas devanditas medidas,
queremos pór tamén de manifesto o xeral desmantelamento do sistema
educativo: a consecuencia disto vese reducida a capacidade de impartir e
recibir un ensino de calidade. Como estudantes de filosofía non podemos
ficar caladas e temos a vontade de erixirnos na defensa do pensamento
crítico, cada día mais necesario e menos presente.
A formación
universitaria non se pode atopar ó servizo dos mercados, senón que en
todo caso deberían ser as estruturas económicas as que se atopasen ó
servizo da Universidade. Por ese motivo queremos tamén alzarnos contra
estratexias que pretenden a mercantilización dos estudos universitarios
como por exemplo o Plan Boloña e a futura Estratexia Universidade 2015.
Dende a USC, ademais,
non se destinan recursos a paliar a actual situación de precariedade
educativa: antes ben, esta vese acentuada pola aplicación de medidas
como a normativa de permanencia, feitos como a excesiva burocratización
do ensino ou a eliminación de proxectos de investigación.
Segundo a nosa
concepción, a Universidade debe ser un servizo público e social
orientado á formación de cidadáns. Os continuos ataques por parte dos
diferentes gobernos do estado contra a Filosofía fan que este obxectivo
se afaste cada vez máis.
Non á desaparición da Filosofía!
Non ó desmantelamento do ensino público!
Ningún comentario:
Publicar un comentario