A Plataforma galega en defensa do ensino público entregou no rexistro da Xunta por volta de 500 firmas doutras tantas persoas vinculadas á lingua, á literatura, á arte ou á música. Exixen a retirada da 'Lei orgánica de mellora da calidade educativa'.
Con Penélope e o sudario que tecía de día e desfacía de noite namentres agardaba o regreso de Ulises da guerra de Troia na novela de Homero comparou Xabier Docampo os pasos atrás que a Xunta do PP obriga a dar ao ensino galego.O escritor citou o poema Penélope, de Xosé Mª Díaz Castro, autor a quen este ano se lle dedica o Día das Letras, para describir a Lei orgánica de mellora da calidade educativa --LOMCE-- como "un paso atrás para nos impedir ser o que somos, galegos". O paralelismo fíxoo a respeito dos versos con que arrinca o texto de Díaz Castro: "un paso adiante e outro atrás, Galiza".
Xabier Docampo foi unha das persoas vinculadas á cultura galega que esta segunda feira fixeron parte da entrega de sinaturas contra a LOMCE organizada pola Plataforma galega en defensa do ensino público no rexistro da Xunta de Galiza. Canda el estiveron tamén presentes Rafa Vilar, Marta Dacosta, Agustín Fernández Paz ou Suso de Toro (literatura); Isabel Risco (audiovisual); Pepe Carreiro e Xosé Lois (humor gráfico); Guillerme Ignacio de Quempallou, Bieito Lobariñas de Zurrumalla, Rubén Fernández de Alvariza e Antón Castro de Fuxan os Ventos (música); Marcos Maceiras, presidente da asociación cultural O Galo e Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización.
Ao fío, Fernández Paz, profesor xubilado e escritor, sinalou que "a frustración que sente a nosa xeración é grande" e enfatizou a importancia do ensino para normalizar o idioma. Pola súa banda, o tamén escritor Suso de Toro recalcou que "as persoas que estamos aquí traballamos para todos" porque coa LOMCE "están a nos privar do dereito a ter cultura, a ter lingua, a sermos cidadáns galegos".
''Ningunha lei tivo unha oposición tan unánime''
Son 487 sinaturas máis as depositadas no rexistro da Xunta de Galiza e que se veñen sumar ás máis de 10.000 recollidas na comunidade educativa. A este respeito remarcou o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, que "seguramente ningunha outra lei tivo unha oposición tan unánime".
Para alén do sindicato nacionalista, a Plataforma galega en defensa do ensino público intégrana as organizacións estudantís Comités, Liga e Sindicato de Estudantes; a organización xuvenil Galiza Nova; as federacións de nais e pais de Compostela, de Lugo, da Costa da Morte, de Ferrolterra e de Ponteareas; o Movemento dezao en defensa do ensino público, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e o BNG.
Ningún comentario:
Publicar un comentario