A Asociación Puntogal acaba de asinar, tras 7 anos de traballo, un
contrato coa corporación que goberna as direccións de Internet (ICANN)
para a creación do dominio galego “.gal”. Por tanto, puntoGAL xa se
converte nun operador dun rexistro na rede.
Os rexistros de “.gal” poderán realizarse a partires de comezos do
vindeiro ano 2014, pero antes, é preciso seguir unha serie de pasos
entre os que se atopan varias probas técnicas obrigatorias previas á
apertura do rexistro.
“.gal” érguese como un servizo á comunidade lingüística e cultural
galega tal e como se designa no documento rubricado. Así mesmo, no
contrato establécese que o grupo “está formado por aqueles que usen -ou
comprométanse a usar- o galego nas súas comunicacións en liña, ou
promovan os diferentes aspectos da cultura galega na rede ou dirixan
especificamente as súas comunicacións e servizos a esta comunidade”.
Tras o “.cat” en 2005, “.gal” conságrase como o primeiro dominio
aprobado para un grupo lingüístico e cultural. Isto incrementará o
prestixio social da cultura e o idioma galego e o interese
internacional. Ao mesmo tempo, e dentro do aspecto económico, “.gal”
permitirá que os cartos que se van no rexistro doutros dominios poidan
permanecer en Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario