Anunciamos a convocatoria de folga estudantil para o
vindeiro 6 de febreiro. Cremos que as razóns son máis que suficientes,
pois se xa na pasada folga do 17 de outubro dixemos que estabamos
perante un golpe de estado ao ensino público, esta contrarreforma dinos
que estabamos no certo.
Con esta reforma educativa, o Partido Popular quere continuar coa
privatización dos servizos públicos, como xa fixo coa sanidade, e evitar
que que @s fill@s da clase traballadora poidan acceder a un ensino
público e de calidade, e na lingua propia do seu país, porque a LOMCE
ademáis do dito antes, é unha mostra máis do afán españolizador do PP, e
unha continuación das medidas anti-galegas xa levadas a cabo pola Xunta
de Galiza co decreto do plurilingüismo. Continuando a falar do ataque
ás linguas propias,o ministro Wert, afirmou que un dos obxectivos desta
reforma é españolizar ao alumnado catalán,polo que nos preguntamos se é
que a nós, o alumnado galego, xa nos dá por españolizado. Demostrémoslle
que non, e o vindeiro día 6 berremos ben alto que non, que nas nosas
aulas queremos galego, queremos a nosa lingua na primeira división, e
non na cuarta, como a LOMCE a quere pór.
Recuperaranse as inxustas reválidas do tempo do franquismo,que virán
redactadas desde Madrid, na que somos unicamente avaliad@s polas nosas
calificacións, e non por outros aspectos que poden influír á hora de nos
poñer a nota, por culpa de que o exame de reválida será corrixido por
profesorado alleo ao centro, descoñecedor da nosa situación.
Esta reforma, corredactada pola Conferencia Episcopal, significa
tamén, unha maior confesionalidade do ensino, ao empurrar a unha maior
porcentaxe de alumnado á asistencia a aulas de relixión, debido a que
existirá unha optativa á mesma, que será avaliábel, o cal, conducirá ao
alumnado á suculenta e fácil de conseguir, nota de relixión.
A LOMCE tamén significa unha auténtica perda de democracia nos nosos
centros de ensino, xa que deslexitima ao consello escolar (aínda máis do
que xa estaba) e dá plenas competencias á dirección, que por se xa fose
pouco, será posta pola Administración.
É por isto, que o vindeiro día 6, non podemos ficar calad@s, temos
que berrar ben alto que non queremos máis ataques á nosa lingua, que non
queremos reválidas, que queremos unha aconfesionalidade do noso ensino e
que queremos un ensino verdadeiramente democrático onde nós tamén
teñamos lugar. En definitiva, que non queremos á LOMCE.
Ningún comentario:
Publicar un comentario