Un manifesto asinado por 482 persoas vinculadas á literatura, a arte, a música ou as artes plásticas esixe a retirada da Lomce, por entender que o sistema educativo que impón está afastado da cultura, a historia e a lingua galegas.
Polos intelectuais que asinaron o manifesto, o escritor Suso de Toro sinalou que o colectivo oposto á norma "estamos a axudar a parar este novo golpe á democracia".
Na súa opinión, a lei Wert "non só expulsa a xente humilde, as clases traballadoras, do ensino; non só vai lanzar á precariedade moitos mozos, en lugar de educalos para cidadáns, queren convertelos en hooligans; non só é un recorte democrático en todos os sentidos, senón que ademais é un recorte para os cidadáns galegos".
O escritor apuntou que nos últimos 35 anos, a democracia en España, "cos seus proles e os seus contras, coas súas luces e sombras, permitiu ir indo e solucionando problemas". Pero, dixo, neste momento o Goberno está "a recortar absolutamente a democracia" e están "a recortar aos galegos o que avanzamos". Na súa opinión, a xente debe entender "que nos están quitando algo: o dereito a ter a nosa lingua, a nosa cultura e o noso espazo, algo que custou conseguir".
A lei Wert, indicou De Toro, trátase dun intento de quitarnos "o dereito de que sexamos cidadáns galegos, de acabar coa nosa cultura; cando falan de españolizar, o que están é falando de desgaleguizar, de acabar co dereito de que poidamos vivir como galegos".
Pola súa banda, o responsable de CIG Ensino, Anxo Louzao, sinalou que esta iniciativa se suma a numerosas concentracións contra a norma, así como dúas folgas xerais da educación e a firma doutro manifesto por dez mil profesores que solicitaron a retirada da Lomce. "Nunca unha lei foi tan unánime" no rexeitamento da comunidade educativa, subliñou Louzao, para quen se pretende "borrar do mapa" a diversidade cultural e lingüística e a lei está "afastada de todas as realidades que non sexan a españolización do ensino" e "desgalleguiza" os currículos.
Ao seu xuízo, trátase dunha lei que "baixo ningún concepto podemos asumir que teña vida; nace morta, está en coidados intensivos, pero estamos ante unha lei que é un asasinato do ensino público en galego e da igualdade de oportunidades", dixo.
Para concluír, sinalou que o colectivo en contra da Lomce "debemos ser tan subversivos" que se lles puxo trabas para falar coa prensa fronte ao rexistro da Xunta, xa que tiveron que facer declaracións fora do recinto, a requirimento dos servizos de seguridade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario