xoves, 4 de xuño de 2015

Catro de cada dez fogares galegos non poden afrontar gasto imprevisto ningún

Mentres os discursos da recuperación por parte das administracións do PP inundan os informativos, os galegos seguen a sufrir os rigores da crise. Os últimos datos feitos públicos polo INE sobre a Enquisa da Condicións de Vida -e o seu complemento sobre a carencia material das familias- indican que a situación dos fogares do país non só non melloraron, senón que empeoraron en moitos casos.
Máis da metade das familias galegas non poden permitirse marchar de vacacións unha semana
Así, e segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística, bastante máis da metade dos fogares galegos non poden permitirse ir de vacacións nin tan sequera unha semana ao ano. En concreto, o 55,1%, perto das 600.000 familias que no país non poden permitirse desconectar sete días. Son case tres puntos máis que a porcentaxe de 2009 (52,2%), co principio dos peores anos da crise, un chisco menos que o en 2013 pero máis de sete máis que en 2011. Ademais, a cifra é cinco puntos superior á do conxunto do Estado, onde son o 55% dos fogares os que si poden permitirse eses días de descanso.
Fogares con carencia material
  Non poden ir de vacacións Non manteñen a vivenda a unha temperatura axeitada Non poden afrontar gastos imprevistos Tiveron atrasos no pagamento da vivenda
GALICIA 55,1% 16% 38,6% 7,6%
ESPAÑA 45% 11,1% 42,4% 10,2%
Segundo estes últimos datos, que fan referencia ao ano 2014, case catro de cada dez fogares galegos non teñen capacidade para afrontar gasto imprevisto ningún. Concretamente, son o 38,6% das familias de Galicia, unha porcentaxe superior ás dos tres anos anteriores e oito puntos superior á de 2011. En 2009, nos primeiros tempos da grave crise, a cifra era aínda menor.
Case catro de cada dez fogares galegos non poden afrontar gasto imprevisto ningún
En canto á pobreza enerxética, a situación tampouco é moito mellor. O 16% dos fogares de Galicia non poden permitirse manter a casa a unha temperatura axeitada. É tamén unha porcentaxe superior á media estatal (11,1%) e case dez puntos superior á de 2011 (6,4%) e tres puntos superior á de hai un ano.
Si mellorou, non obstante, o número de familias que non poden permitirse unha comida de carne, polo ou peixe cando menos cada dous días. Neste caso son o 1,8% dos fogares fronte ao 5,7% de 2013, pero unha porcentaxe semellante á que se daba xa en 20010 e 2009. Por outra banda, o 7,6% das familias galegas tiveron atrasos no pagamento de gastos relacionados coa vivenda principal nos últimos doce meses, xa fose en relación coa hipoteca, o aluguer, os recibos de gas ou a comunidade, entre outros. O número de
Ademais, o 8,6% e o 4,2% dos fogares galegos non poden permitirse dispoñer dun ordenador persoal ou dun automobil, respectivamente, unhas cifras que superan ás do anterior exercicio e que evidencian tamén a permanencia das dificultades económicas no país.

Ningún comentario:

Publicar un comentario