
A Mesa pola Normalización Lingüística, a través
da iniciativa Liña do Galego,
denunciou
este luns á compañía Movistar por terse negado a atender a chamada
dunha usuaria que se expresaba na nosa lingua. Segundo fai saber
a plataforma que preside Marcos Maceira, a consulta levouse a cabo o
pasado martes 26 de maio e rematou coa interrupción da conversa por
parte da operadora que atendeu a chamada da usuaria. A Mesa,
reflectindo declaracións da denunciante, sinala que o motivo polo
que se interrompeu a conversa foi o de ter comezado en galego. A
organización salienta que estes incidentes supoñen un “grave
prexuízo e unha inadmisíbel discriminación” para as consumidoras
e consumidores, amais dun atranco para o desenvolvemento da propia
empresa. Movistar respondeu á denuncia lembrando que sempre ofrece
atender na nosa lingua.
Asemade, a compañía tamén recorda que a denuncia
sobre a “presunta veracidade da devandita conversa é difícil de
comprobar”,
segundo
reflicte Galicia Confidencial tras ter contactado cos responsábeis
da empresa. Esta engade que “na actualidade todas as chamadas
dos clientes aténdense dende Galicia e/ou dan explicitamente a
posibilidade ao cliente de ser atendido en galego”. Dende Movistar
tamén se destaca que a día de hoxe está dispoñíbel o soporte ao
idioma propio nos trebellos. E apunta: “Telefónica foi a primeira
empresa de Galicia en fornecer terminais móbiles con menús en
galego e na actualidade é a que máis modelos de terminais ten con
menú nesta lingua”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario