O 19 de febreiro conmemórase o centenario do poeta Xosé María Díaz Castro e desde o centro educativo que leva seu nome no seu Guitiriz natal poñen ao dispor da comunidade educativa diversos materiais para compartir a festa de aniversario. Profesorado e alumando elaboraron actividades, un documental, propostas de xogos... para convidar a toda a comunidade a celebrar unha xornada poética.
Desde o IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz animan a toda a comunidade educativa a conmemorar a festa de aniversario do autor a quen a Academia decidiu dedicar este ano o Día das Letras Galegas. Con este fin, comparten diversos materiais para que o nome de Díaz Castro resoe e que a festa que desde Guitiriz promoven sexa simultanea en todos os centros educativos do país que queiran sumarse á celebración do aniversario.Propoñen, entre outras cousas, que nos centros educativos se proxecte o documental que elaborou o propio alumnado do IES de Guitiriz "A lus do mundo. Redescubrindo ao poeta Díaz Castro" (en colaboración con Pasen y Vean Comunicación: http://www.pasenyveancomunicacion.com/).
Convidan tamén a partillar unha proposta de actividade de 50 minutos que inclúe xogos sobre a poesía, exercicios arredor do documental elaborados pola profesora María Miragaya a partir dun obradoiro da especialista Chus Otero ( http://www.chusotero.es/). A música ten tamén presenza no programa que o centro propón, da man da profesora Sandra Tenreiro.
Os distintos materiais están dispoñíbeis nos enlaces:
http://www.alusdomundo.com
http://biblodiazcastro.blogspot.com.es/
http://www.edu.xunta.es/centros/iesdiazcastro/
A cambio da xenerosa oferta, desde o Poeta Díaz Castro solicitan que os centros que se sumen á festa lles remitan fotos e documentación da celebración compartida ao enderezo documentaldiazcastro@gmail.com para compartir tamén nas redes sociais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario