martes, 18 de febreiro de 2014

A falta de apoio obriga a pechar a escola infantil en galego de Ferrolterra

O pasado mes de outubro, e despois de varios anos de enorme esforzo, a sociedade cooperativa Avoaescola poñía a andar a súa primeira escola infantil en galego para nenos de até 3 anos. Abría así en Ferrolterra un centro educativo que pretendía -e pretende- ser a primeira peza dunha rede dentro dun proxecto educativo "laico, pluralista, democrático, en valores e de calidade" que busca espallarse por todo o país.
Apenas catro meses despois, e logo de ter "materializado o proxecto", a iniciativa viuse obrigada a suspender a actividade ata o vindeiro curso 2014-15 "por problemas económicos" derivados da falta de apoios, especialmente de moitos cos que xa contaban. Así o vén de comunicar a cooperativa Galiza co Galego, promotora destas novas galescolas, á cidadanía que entre 2009 e 2011 comprometeu a súa mediante sinaturas a través da Rede. Foron 3.173 as persoas que amosaron o seu compromiso, pero tan só unha minoría colaborou economicamente cunha rede de escolas infantís que inaugurou a primeira e que xa tivo que pechar.
Avoaescola tivo que suspender a actividade ata o vindeiro curso "por problemas económicos" derivados da falta de apoios
Agora, e "para superar estas circunstancias e poder abrir con perspectivas de futuro", o proxecto Avoaescola precisa 15.000 euros. Xa que logo, e como lembran os promotores, abondaría con que os máis de 3.000 apoios achegasen cinco euros cada un. "Sabemos que vivimos nun tempo moi solidario debido precisamente á situación actual, mais tamén sabemos que entre todas e todos o esforzo é menor", aseguran.
O proxecto precisa 15.000 euros para abrir "con perspectivas de futuro" e abondaría con que os apoios comprometidos puxesen cinco euros cada un
Para lograr agora ese primeiro obxectivo e retomar as clases, Avoaescola pide apoio que se pode facer efectivo cun ingreso na conta de Galiza co Galego (Caixa Rural Galega 3070-0044-58- 6085308424) ou colaborando coa campaña de crowdfunding que a iniciativa abriu na plataforma Verkami e que estará activa até o vindeiro 25 de marzo.
"Aquí non hai ideoloxía; só buscamos xente que queira que o seu rapaz fale e entenda o galego, como algo normal. Que queira que o pequeno poida ir xogar a un parque e falar en galego e cambiar ao castelán sen problema, con toda a naturalidade", aeguraba Francisco López, presidente da sociedade cooperativa e director da Avoaescola de Ferrolterra, ao definir o proxecto. Pero tamén advertia de posibles problemas que finalmente se cumpriron.
"Está todo por facer", aclara Francisco López, que advertía das dificultades para sacar adiante ao proxecto. Por iso, facía un chamamento á sociedade para que colabore facéndose socio do proxecto, así como ás familias interesadas nunha escola infantil con prezos máis que asequibles. "Fáltanos un impulso informativo e máis achegas porque o difícil xa non é abrir a escola, senón asentar o proxecto e conseguir unha base económica que nos permita seguir espallando as escolas por outros puntos de Galicia", insiste. "Os apoios de agora servirán para fortalecer a iniciativa e ter capacidade para afrontar outras iniciativas", explicaba.
"O problema de Galiza co Galego é que moitísima xente que reivindica o galego ao final fai moi pouco por el", queixábase o director da escola hai meses
Antes, nunha entrevista en Praza, López debullaba unha problemática que vía máis fonda. "O problema de Galiza co Galego é que moitísima xente que reivindica o galego ao final fai moi pouco por el. Todo o mundo apoia o proxecto e di que é marabilloso, pero ao final moitos son os que non colaboran e aos que lles costa dar o paso", aseguraba.
"Facerse socio supón unha cota mensual de dez euros, pero hai xente á que non lle importa viaxar a Compostela tres veces ao ano para manifestarse a prol da lingua cando igual iso xa supón gastar cen euros. Tamén nos lamentamos moito cando asinamos algunha petición a prol da lingua e nos flaxelamos porque nola botan atrás no Parlamento, pero non apostamos por proxectos efectivos e reais como este", dicía quen tamén lembraba que dos máis de 3.000 apoios "non se concretizaron todos economicamente, nin moito menos". "Á hora de asinar comprometeuse moita xente, pero parece como se tivesen medo a apostar de verdade. Entre os socios non temos ningún persoeiro e, que eu saiba, non hai ningún político tampouco, a pesar de que todos coñecen a idea".
"Facerse socio supón unha cota mensual de dez euros, pero hai xente á que non lle importa viaxar a Compostela tres veces ao ano para manifestarse a prol da lingua"
"Temos socios que nos apoian desde Majadahonda, Bélxica e o Reino Unido. A última persoa que se fixo socia do proxecto foi un empresario de Suíza. Creo que ese dato é máis que significativo", remataba daquela.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario