Medidas coma impartir todas as aulas en galego e procurar materiais alternativos aos libros de texto, difundir entre o alumnado as materias Valores Sociais e Cívicos na primaria e Valores Éticos na secundaria como alternativas a Relixión.
Contestar a Lomce "de maneira activa" con propostas de carácter colectivo e mesmo "boicoteándoa se houber apoio suficiente". É o chamamento que esta terza feira realizou o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, nunha rolda de imprensa en que presentou as propostas para que o profesorado e os centros poidan traballar na non-aplicación da norma española.
Así as cousas, a central nacionalista chama o profesorado a impartir as súas aulas en galego e a non esixir novos libros de texto, procurando empregar materiais didácticos ou cos libros que xa hai no centro para evitar un desembolso económico para as familias, mais tamén para "manter a galeguidade que non imos atopar nos novos currículos".Para alén diso, CIG-Ensino pide que nos centros se divulguen as materias Valores Sociais e Cívicos na primaria e Valores Éticos na secundaria como alternativas a Relixión "para que o adoutrinamento non teña cabida" e a través de medidas como equiparar as cualificacións ás que o profesorado dá en Relixión.
''Facer o indecíbel'' contra Iniciación á Actividade Emprendedora
O profesorado que queira sumarse a este combate contra a imposición da Lomce no ensino deberá pular tamén por que se imparta a maior cantidade de horas lectivas posíbel das materias que permiten unha educación integral e forman cidadanía crítica, como poden ser Filosofía ou Educación Artística. Con todo, Anxo Louzao pregou "facer o indecíbel" para que a materia Iniciación á Actividade Emprendedora e Empresarial non se imparta nas aulas da Galiza.
Pensada para o alumnado da ESO, os seus contidos meten "a ideoloxía neoliberal" nas escolas "e son dificilmente atraentes". Por isto, o secretario nacional da CIG-Ensino convida os centros a non ofertar esta materia para non reducir tampouco a carga horaria doutros contidos.
Negarse a avaliar as reválidas
Para manter a xestión democrática dos centros fronte a unha dirección nomeada a dedo pola consellaría, quen se presente ao cargo deberá facelo co apoio maoritario do Consello Escolar e o profesorado deberá rexeitar, por derradeiro, facer parte das equipas avaliadoras das reválidas que se fagan noutros centros, tal e como ordena a Lomce cando estabelece que estas probas "serán aplicadas e cualificadas por profesorado externo ao centro".
"o combate contra a LOMCE continúa mentres non se derrogue a lei. Estas medidas comportarían un ataque práctico a importantes aspectos da lei, manterían o seu combate e serían a mellor credencial para que se derrogue no momento en que se conforme un goberno diferente no Estado", sinalou Louzao.
Ningún comentario:
Publicar un comentario