O gran cantautor Amancio Prada non é o único que
botou man, nos últimos 50 anos, dos poemas que nos legou Rosalía de
Castro (1837-1885). Os Tamara, Astarot ou Narf son tres exemplos ben
distintos de cál é o potencial dos versos rosalianos e das diferentes
musicalidades que poden ter. Pero Rosalía de Castro é moderna non só
polos ritmos dos seus poemas, senón tamén polos seus contidos. Isto
quedou onte de manifesto nos múltiples actos que se celebraron en Deza e
Tabeirós-Montes con motivo do 177 aniversario do seu nacemento.
"Cuando los señores de la tierra me amenazan con una mirada, o
quieren marcar mi frente con una mancha de oprobio, yo me río como ellos
se ríen y hago, en apariencia, mi iniquidad más grande que su
iniquidad". Con estes versos de Rosalía de Castro ilustrou onte o edil
do BNG de Rodeiro, Alberto Lamazares, a situación pola que está pasando a
muller e a sociedade, xusto no día en que se celebra o 177 aniversario
do nacemento da poetisa do Sar. Demostrou, así, que moitas loitas de hai
dous séculos aínda seguen sen resolverse hoxe en día. Foi o único
recordo que se lle fixo á escritora desde Rodeiro, pero houbo bastantes
máis no resto do Deza e en Tabeirós-Terra de Montes.Silleda foi, sen lugar a dúbidas, o municipio dezao con maior dedicación ó Día de Rosalía. Ao longo da mañá, houbo sesións de contacontos para os alumnos dos tres colexios do municipio. Ademais, a ANPA Brincadeira, da Bandeira, organizou no punto de lectura un acto cun conto musicado de Uxía Senlle, Rosalía pequeniña. Os estudantes do IES Pintor Colmeiro realizaron montaxes no vestíbulo do centro e, en colaboración cos mozos do IES lalinense Aller Ulloa poñen en marcha a iniciativa Nós cantar, cantamos. Nela, ata o 21 de marzo, Día da Poesía, combinaránse os 36 poemas de Cantares Gallegos con 36 poemas doutras tantas escritoras galegas. Dende a Consellería de Cultura agasalláronse con chapas ós nenos participantes en todos os actos. Xa á noitiña, na Bandeira a asociación cultural Vista Alegre proyectou o documental Rosalía de Castro. Sombras sen sombra, dirixido por José Antonio Durán. Mentres, en Lalín o Día de Rosalía limitouse a unha ofrenda floral ante o seu monolito, no Parque de Loriga, aínda que os nenos do Sagrado Corazón leron poemas da escritora e repartiron composicións dela polas rúas.
Por outra banda, algúns centros escolares do Concello de A Estrada tamén quixeron recordar a poetisa de Padrón. Os alumnos do IES Nº1 contaron coa presenza da escritora Helena Villar Janeiro, antiga presidenta da Fundación Rosalía de Castro e tamén leron poesías e o manifesto da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Pola sua parte, o colexio de O Foxo, celebrou no seu salón de actos un recital de poemas por parte dos estudantes de infantil e primaria. O máis destacado foi o rap con versos de Rosalía interpretado polos alumnos de 6º de Primaria. Ademáis, o IES Chano Piñeiro de Forcarei interpretou o poema Silencio por parte dos estudantes de música. Por último, a Asociación Cultural Vagalumes celebrou unha homenaxe literaria coa lectura do Manifesto Rosalía 2014.
Ningún comentario:
Publicar un comentario