Se ben nos últimos días a Comisión Escolar de Alertas determinou suspensións parciais das clases en puntos concretos do territorio, caso por exemplo da Mariña de Lugo, non é menos certo que en xornadas tan complicadas meteoroloxicamente como este xoves a responsabilidade recaeu integramente en cada director ou directora, a quen se eleva pola vía dos feitos á categoría de experta ou experto en riscos. En plena alerta laranxa "por mor dun fenómeno meteorolóxico adverso" con "refachos de máis de 110 quilómetros por hora" a Xunta só decidiu "suspender as actividades no exterior das instalacións dos centros educativos".
A Consellería deixa nas mans das direccións dos centros a suspensión ou non das clases en función das "condicións meteorolóxicas"Deste xeito, o alumnado non pode permanecer nos patios pero "non se suspende a actividade docente nin o transporte escolar". Así as cousas, que é o que teñen que facer os docente? A Comisión Escolar de Alertas limítase a "recomendar o seguimento das condicións meteorolóxicas nas catro provincias galegas" e, "no caso de que as circunstancias da localidade onde se atopa o centro supuxesen un risco superior ao declarado", o laranxa, e "pasase a unha declaración de nivel vermello" ou se "existisen circunstancias que o aconsellasen", as directoras e directores "poderán adoptar as decisións oportunas a respecto da suspensión da actividade docente".
A propia Xunta admite incidencias en, cando menos, 13 centros educativos por mor do temporalAsí as cousas, e mentres a través das redes sociais se multiplican as críticas polos riscos que pode chegar a sufrir o alumnado acudindo a clase en pleno temporal, a propia Consellería admite que nas últimas horas se produciron incidencias en ata trece centros educativos por mor do temporal. Así, por exemplo, un instituto de Cambre sufriu danos na súa cuberta, no IES de Foz houo elementos con "perigo de desprendemento" e no CEIP Vilar Ponte de Viveiro "produciuse entrada de auga nas aulas que conectan co patio". Tamén se levantou parcialmente a cuberta no CEIP de Viñagrande-Deiro e en Xinzo de Limia asolagouse o patio dun instituto, entre outras incidencias. Malia estes acontecementos, este venres Educación tampouco suspende as clases e só limita a actividade no exterior na provincia da Coruña e na Mariña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario