venres, 28 de febreiro de 2014

Educación ordena retirar o castigo de redución de comida dos regulamentos que o contemplan

O xefe territorial pediu onte á Xunta de Directores que revisen os seus regulamentos e, se existen sancións desta índole, as eliminen - Pais de alumnos do colexio público silledense recollen firmas para esixir esta medida.

A polémica xerada na comunidade educativa do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) de Silleda polo castigo aplicado a doce alumnos, que o pasado martes quedaron sen o segundo prato e a sobremesa, como medida correctora polo seu mal comportamento no comedor, provocou a inmediata reacción da Consellería de Cultura e Educación. Se o mércores, poucas horas despois de que transcendese o malestar dalgúns pais, Educación se apurou a comunicar ao centro que a medida non se axusta á lei, na mañá de onte o xefe territorial en Pontevedra, César Pérez Ares, ordenou aos responsables de todos os colexios da provincia de Pontevedra a revisión dos seus respectivos regulamentos e a retirada, se fose o caso, de sancións similares ás que contempla o do colexio público silledense.
O aviso realizouse nunha reunión da Xunta de Directores. Mentres, no propio centro trasdezano, Inspección educativa mantiña un encontro coa súa directora, Silvia Peña, e con profesores para abordar o sucedido. Tamén onte, a máxima responsable do centro atendeu a, polo menos, unha das nais dos nenos castigados, que asegurou que, tras aclarar con ela e con persoal do centro o que sucedera, a directora lle "pediu perdón", se ben insistiu en que non se excedeu das súas funcións e que unicamente se limitou a aplicar o regulamento interno do colexio, no que se recolle a posibilidade de sancionar coa retirada do segundo prato os usuarios que se porten mal, como parece que foi o caso. Educación confirmou onte que recibiron o castigo "doce estudantes de terceiro, cuarto e quinto de Primaria". Segundo comentaron o pasado martes varias nais, a directora explicoulles que levaban días tirando alimentos e desobedecendo ás monitoras, de aí a decisión de aplicar a medida correctora.
O conselleiro, Jesús Vázquez, tamén se pronunciou onte sobre a polémica. En declaracións aos medios en Pontevedra, agradeceu á directora e ao resto do equipo directivo do colexio a "inmediata solución", consistente en aceptar, como reclamaron varios pais, a retirada da devandita sanción da norma de funcionamento do comedor, un castigo que non permite a lei de convivencia en vigor. "Hai unha cantidade de regulamentos internos non adaptados", recoñeceu Vázquez, quen recordou que a norma é cuestión que aplica o colexio trasdezano é previa ao actual equipo directivo e, en todo caso, foi aprobada polo claustro e o conselo escolar. Manifestóusenos dende o centro que ningún neno quedou sen comer, engadiu o conselleiro.
Pola súa banda, a director declinou de novo onte facer declaracións. Aínda que nun principio a Consellería anunciou para onte a celebración dun consello escolar para analizar a situación e abordar a modificación do regulamento, finalmente este pospúxose para os próximos días. Entrementres, un grupo de pais iniciou unha recollida de firmas para esixir esa modificación da norma e para facer constar o seu malestar polo feito de que non se tivese avisado previamente os proxenitores dos nenos castigados do seu mal comportamento. O texto que acompaña ás rúbricas, e que será entregado a Educación, recolle que, en opinión dalgúns pais, a sanción foi "desproporcionada e non se ve nela ningún aspecto pedagóxico", reza textualmente.
Por outra parte, na tarde de onte varios pais mantiveron un encontro ao que asistiu a presidenta da Asociación de Pais e Nais (Anpa) do centro, Fina Barciela. A reunión serviu para escoitar a opinión dos proxenitores e intercambiar impresións sobre o sucedido. Non se descarta que se convoquen máis citas nas próximas xornadas.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario