Se pasados os anos recordaremos por algo moi especial a nova lei educativa (LOMCE), con toda seguridade será pola implantación de novo das reválidas ou exames de final de etapa - como insiste o Ministerio en que lles chamemos-, máis incluso que pola división en dous itinerarios en 4º da ESO, o reforzamento da Relixión ou mesmo a xustificación da educación segregada de nenos e nenas. E será así porque vai ser, con diferenza, a medida que máis afectará ao alumnado en concreto e ao sistema en xeral.
O alumnado será dende os primeiros anos de escolarización (en 3º de Primaria, con 8 anos, será a primeira avaliación externa) sinalado, adxectivado, clasificado, e nas seguintes avaliacións xa claramente segregadoAnalizarei as razóns:
- O alumnado será dende os primeiros anos de escolarización (en 3º de Primaria, con 8 anos, será a primeira avaliación externa) sinalado, adxectivado, clasificado, e nas seguintes avaliacións xa claramente segregado. Coa desculpa de detectar problemas de aprendizaxe, ponse un exame de lapis e papel que primará sobre a valoración que fai o profesorado a través do contacto diario, do coñecemento das circunstancias persoais e da evolución nas aprendizaxes, que agora están servindo para determinar as medidas necesarias para atender as dificultades do alumnado. Que medidas “extraordinarias” se poderán adoptar cunha proba simple, puntual e ao final dun curso escolar, como establece a lei? Nesas circunstancias será a repetición, que se formula na LOMCE, a medida máis socorrida.
O traballo do profesorado dos centros inevitablemente tenderá a preparar o alumnado para superar as probas
- O traballo do profesorado dos centros inevitablemente tenderá a preparar o alumnado para superar as probas. Tanto pola tendencia natural de calquera profesor de satisfacer as expectativas de progreso académico do seu alumnado, por enriba dunha formación integral das persoas; como tamén pola propia dinámica social que indubidablemente reclamará éxitos nas probas externas por enriba dos aspectos curriculares que non sexan avaliados directamente nelas. Polo tanto non caberá apenas falar de autonomía pedagóxica de centros e profesorado, nin sequera de cumprimento do currículo oficial nos aspectos que as probas non avalíen.
- E o que pasará coas materias que non son obxecto de avaliación? A diversidade de materias non é unha medida só destinada a ampliar os coñecementos do alumnado: é unha forma de introducir no sistema educativo regrado linguaxes e competencias que son útiles na vida e no desempeño cidadán (ámbitos como o musical, o artístico ou o da actividade física), que ademais serven para integrar e valorar o alumnado que destaca nestes aspectos, e forman parte dende hai tempo da diversidade que se lle esixe a un sistema educativo moderno. O que pasará con esas competencias? Pois que deixarán de ser valoradas polos rapaces e as familias, por non seren consideradas para as avaliacións externas.
Os centros, nomeadamente os públicos, deixarán de ser a instancia que autonomamente titula o alumnado. Será necesaria unha valoración externa para conseguir a titulación
- Outra consecuencia será que os centros, nomeadamente os públicos, deixarán de ser a instancia que autonomamente titula o alumnado. Será necesaria unha valoración externa para conseguir a titulación: xa non servirá co que diga o centro educativo. E non é que o sistema educativo español se distinga por suspender pouco, por ser pouco esixente; polo contrario, estamos á cabeza o fracaso escolar en Europa. Pois non se entende.
- Tamén teremos consecuencias individuais de segregación do sistema, moitas veces por autoexclusión, por mor de poucas expectativas familiares, por unha maduración tardía, ou mesmo por desatención á diversidade. Será, pois, o alumnado o que soporte a avaliación do sistema, dado que os resultados das avaliacións terán unha repercusión social e profesional de maior profundidade que as avaliacións diagnósticas –no caso de que se manteñan–, que eran as que informaban ata agora da eficacia do sistema escolar. Individualmente tamén será preocupante a situación do alumnado que presentándose ás probas non as supere, deixando unha grave incerteza no seu futuro inmediato, motivada pola contradición posible entre unha avaliación continua positiva (do centro) e unha avaliación puntual negativa (na reválida), que predomina sobre a anterior. O que fará o alumnado ata a próxima reválida tendo o curso aprobado?
O fracaso cébase co alumnado das familias menos favorecidas. O 61% dos adolescentes en risco de exclusión social suspenderon tres ou máis materias fronte ao 37% do resto dos estudantes
- En todo caso, sabemos tamén que tipo de alumnado será o mais gravemente afectado, pois non descoñecemos que o fracaso se ceba co alumnado das familias menos favorecidas. O 61% dos adolescentes en risco de exclusión social suspenderon tres ou máis materias fronte ao 37% do resto dos estudantes1.
1- Son datos dun estudo realizado pola Fundación Adsis acerca de como a conxuntura socioeconómica dos mozos está directamente relacionada co seu desempeño académico e a súa capacidade para relacionarse e ser aceptados polo seu ámbito.
Ningún comentario:
Publicar un comentario