luns, 17 de febreiro de 2014

'Non ao cambio inxustificado de libros de texto'

Pais, docentes e alumnos comezan o seu boicot contra os novos libros de texto nos consellos escolares de colexios.

A Plataforma Estatal pola Defensa da Escola Pública iniciou xa a súa campaña contra o cambio "inxustificado" de libros de texto ao que obriga a Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), a través do envío de circulares para que os consellos escolares de cada centro convoquen unha reunión extraordinaria co fin de evitar que os materiais actuais teñan que ser repostos.
Para iso, difundiu un modelo de convocatoria a utilizar "de forma urxente e masiva" en todos os consellos escolares de colexios para debater a proposta, así como outro de posible resolución para continuar utilizando o banco de libros existente ante a entrada en vigor o próximo curso da LOMCE en primeiro, terceiro e quinto de Primaria.
A plataforma considera necesario que estas accións se realicen nos centros escolares antes de que remate este trimestre coas vacacións de Semana Santa, fixadas para mediados do mes de abril. Así, apunta que as peticións ás presidencias destes consellos deben realizarse este mes de febreiro.
Non obstante, sinala a posibilidade de que nos consellos ordinarios se poida incluír na orde do día o debate sobre os libros de texto, algo, que, segundo a plataforma, é "perfectamente válido", sempre que exista o tempo "suficiente" para discutir este asunto.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario