A dous días da primeira xornada de loita estudantil contra a Lei da Wertgoña de 2014, debullamos os motivos para a contestación social. Á folga está chamado o estudantado de todos os níveis educativos, a partir de 3º da ESO.
O 17 de Maio, namentres na Galiza celebrabamos o Día da Lingua e das Letras, en Madrid o ministro Wert presentaba o seu proxecto para reformar a lexislación educativa. Seis meses despois o texto recibía o visto e prace do Congreso cos votos do PP, de UPyD, de UPN e de Foro Asturias.Os gobernos de Catalunya e Euskadi revolvéronse e declaráronse insubmisos porque recorta nun 10% as competencias dos territorios con lingua propia e porque supón un ataque contra estas.
Que aconteceu na Galiza? A Xunta calou e o seu silencio traduciuse nunha contundente resposta nas rúas. Este 20-F, na primeira manifestación do ano convocada pola Plataforma en defensa do ensino público, a escena volverase repetir: o estudantado galego non quere a Lomce. Por que?
- Porque, malia o nome, esta lei non mellora a calidade educativa: os
centros de ensino van ser analizados polos resultados do seu alumnado e
non pola contorna socio-económica da cal proceden ou as necesidades
específicas que expliquen os maos resultados. A comprensividade
rebáixase dos 16 aos 14 anos, mesma idade en que estaba coa Lei Xeral de
Educación, de 1970, na ditadura.
- Porque a única xustificación achegada polo Goberno español para
xustificar esta reforma educativa foron "comparacións internacionais"
que fai a OCDE: o coñecido coma 'Informe Pisa'. Porén, o obxectivo desa
organización é único: promover o desenvolvemento económico.
- Porque os protestos fixeron mudar a introdución da norma mais o
articulado quedou igual. Mudouse o termo 'competitividade' por outros do
tipo "persoas autónomas, críticas e con pensamento propio" ao tempo que
Wert anunciaba que os "contidos conflitivos" non aparecerían nos libros
de texto.
- Porque non só naceu co rexeitamento de toda a comunidade educativa
senón tamén dos grupos políticos da oposició --todos agás UPyD, UPN e
Foro Asturias--, que asinaron o compromiso de a derrogar no momento en
que a maioría parlamentar o permita. É dicir, cando non goberne o PP.
Lingua
- Porque as linguas propias fican relegadas á categoría de idiomas de
segunda. O galego, o catalán e o euskera deixan de ser consideradas
materias troncais para seren 'de especialización opcional'. A materia
'Lingua castelá e Literatura' será troncal.
- Porque abre a porta a que se financie con diñeiro público un ensino
integramente en español impartido en centros privados. O artigo
1.9 recoñece a posibilidade de que se impartan todas as materias non
lingüísticas no idioma co-oficial do territorio. Porén, recoñece tamén o
"dereito" de nais e pais a escolarizaren as crianzas en español cunha
oferta docente "razoábel". En caso contrario, o Ministerio pagará a
matrícula na privada.
- Porque, sen asumir que o español é un Estado plurinacional,
enfatiza a importancia dun pseudo-plurilingüismo onde o alumnado de
Madrid poderá estudar inglés e francés mais non catalán nen galego.
Aliás, a mensaxe que se lanza con esta lei é que os territorios que non
teñen lingua propia xogan con vantaxe, pois poderán dedicar máis horas
lectivas á aprendizaxe do inglés.
Relixión
- Porque vulnera o principio de aconfesionalidade do Estado ao
permitir concertos con colexios privados en mans de organizacións
relixiosas coma La Salle, Hermanos Maristas ou Esclavas de María. A
presenza da Igrexa católica está presente tamén no mundo das editoriais:
SM e PPC pertencen aos Maristas; Edebé aos Salesianos; Bruño a La
Salle.
- Porque a materia Relixión goza de máis importancia que as linguas
propias. Até no Bacharelato, tanto en 1º coma en 2º, fai parte das
materias específicas optativas.
- Porque se lle volve dar plena validez académica: computará no
expediente e, por tanto, contabilizaránse as cualificacións obtidas á
hora de pedir unha bolsa de estudos.
- Porque blinda os concertos cos centros de ensino privados que
segregan o alumnado por razóns de xénero, tal e como dispón o artigo
1.61. Aválase, por tanto, unha educación sexista nunha rede de centros
en mans de organizacións relixiosas coma os Legionarios de Cristo ou os
Centros de Fomento, abertamente declarados do Opus Dei.
Currículos
- Porque concede maior importancia ás materias troncais deseñadas
desde Madrid. É dicir, a historia será a Historia de España. O artigo
1.5 dispón que corresponde ao Ministerio determinar os contidos das
materias troncais namentres os territorios poderán
unicamente "complementar" os contidos.
- Porque a educación entendida coma unha das patas dun proceso
político de transformación social non existe na lei. Materias coma
Filosofía, que apostan no debate e nun ensino crítico, foron 'purgadas'
dos currículos educativos ao tempo que se introduciron outras máis
acordes ás esixencias de Pisa, coma Educación Financeira.
- Porque a materia Fundamentos da Arte, correspondente ao currículo
escolar do Bacharelato artístico, incluirá no temario o tratamento da
"eclosión da moda como fenómeno de masas" e o das "supermodelos" como
"substitutas das actrices no ideal de beleza colectivo".
- Porque a materia Ética muda de nome. E non só. Valores Éticos pasa a
ser unha alternativa á relixión --na ESO-- e nela o alumnado deberá
"aprender a mostrar respecto pola Constitución española de 1978".
Bolsas
- Porque 85.000 estudantes van ficar sen bolsa do ministerio neste ano académico.
- Porque suprimiron as bolsas Séneca para a mobilidade dentro do
Estado e porque as bolsas Erasmus fican limitadas a un cuadrimestre e se
reduce o seu importe. Tamén se endurecen os requisitos, esixindo 60
créditos superados no curso anterior e un nível B2 de inglés, malia que o
obxectivo do programa Erasmus é tamén aprender idiomas.
- Porque as oportunidades para investigar quedaron polo camiño na
redacción da Lomce: as bolsas Isidro Parga Pondal desapareceron e as FPU
do ministerio non foron convocadas todos os anos. Para alén disto,
tamén se reduciron en número (20% menos) e en cuantía (30% menos).
Roles de xénero
- Porque a educación afectivo-emocional-sexual non está contemplada
en ningún dos artigos e disposicións da norma malia ser necesaria para
rachar tabús e formar unha mocidade responsábel, con capacidade de
decidir sobre os seus corpos. E malia ser necesaria tamén para reducir o
número de abortos na medida en que se reducirían tamén os embarazos non
desexados.
- Porque a perspectiva de xénero debera ser transversal a todos os contidos e a todos os níveis educativos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario