A Coordinadora de Representantes de Estudantes de Universidades Públicas
(CREUP) acusou hoxe o Goberno de situar os estudantes e o seu nivel de
idiomas "no punto de mira" para "xustificar" os recortes nas bolsas
Erasmus e censurou a "actitude de improvisación permanente" do ministro
de Educación, José Ignacio Wert.
A organización puxo en dúbida que o ministro realice unha "análise
previa de que nivel de idiomas é necesario" para aproveitar unha bolsa
Erasmus e reprochou ao Goberno que priorice os recortes á "formación de
calidade da mocidade".
Wert xustificou o pasado sábado que se esixa un maior nivel de idiomas
(B2) aos aspirantes ás bolsas Erasmus Plus porque cun coñecemento
inferior é "imposible seguir as clases". Segundo CREUP, de ser certas
estas afirmacións, "ningún estudante aprobase as materias que cursou nos
intercambios".
A secretaria xeral da plataforma, Inés Sánchez, subliñou que "calquera
institución debe analizar as consecuencias das medidas antes de tomalas"
e acusou ao ministro de facer "un cambio" sen consultar o Observatorio
de bolsas. "É necesario saber que nivel de idiomas ten o alumnado
universitario para non quitar oportunidades a ningún estudante",
precisou CREUP nun comunicado.
Tamén reclamou ao titular de Educación que non pretenda "tapar o
recorte" de 16 millóns de euros para as bolsas Erasmus "limitando a
estancia a seis meses" e recordoulle que "está a xogar co futuro persoal
e laboral dos mozos".
Ningún comentario:
Publicar un comentario