Os dados debullounos o deputado de AGE Ramón Vázquez, esixindo reducir o orzamento que as arcas públicas destinan a esta materia, así coma o profesorado, na mesma proporción.
Nos últimos dez anos, as matriculacións de relixión caeron na Galiza un 43%. O que non sufriu ningunha modificación foron o orzamento e o profesorado que a Xunta destina a esta materia.Segundo os dados que levou ao Parlamento o deputado de AGE Ramón Vázquez, no curso 2000-2001 había 90.103 alumn@s en primaria (91,2%) e 57.340 (64,7%) na secundaria. Porén, as cifras actualizadas facilitadas pola consellaría de Educación a petición de Vázquez sinalan que no curso académico actual son 65.401 @s estudantes da primaria (72,6%) e 24.681 na secundaria (40,3%). En bacharelato o descenso foi meirande aínda, pasando de 21.463 a 6.375 matriculacións no mesmo periodo de tempo, o que supón un 24,4% do total do estudantado.
Con todo, este "descenso brutal" na demanda non foi acompañado dunha redución nen do diñeiro que as arcas públicas desembolsan para esta materia nen do número de profesor@s que a imparten. "As cifras son claras e rotundas e a cidadanía non está para pagar os complexos ideolóxicos do goberno", denunciou Ramón Vázquez, colocando que dan aulas 975 docentes (d@s 1.025 que había) e que a Xunta destina a relixión 28 millóns de euros. Namentres, o ensino público galego sufriu unha tesourada de 400 millóns de euros e 1.200 profesor@s desde 2009.
Cando o profesorado de relixión imparte outras materias
Tal e como adiantou Sermos Galiza en novembro de 2012, nengún nen nengunha docente de relixión na Galiza imparte as horas de aulas polas cales foi contratad@. Aínda así, neste último ano académico, a consellaría de Educación dispuxo que est@s docentes, nomeadas polo bispado para impartir de maneira exclusiva esta materia, dan aulas doutras.
Denunciouno a CIG-Ensino, que conseguiu confirmar tal situación de "ilegalidade" no CEIP Doiras, en Cervantes. A inspectora do centro, Celsa González García, non só recoñeceu os feitos senón que admitíu ser coñecedora deles e de que non era o único colexio onde sacerdotes explican outras materias.
Ningún comentario:
Publicar un comentario