martes, 11 de febreiro de 2014

O transporte escolar acrecenta nun 20% os seus ingresos cando un centro modifica o modelo de xornada escolar

Educación garántelle prórrogas sucesivas ao transporte público até o 31 de decembro de 2020.


A Consellaría de Educación mediante a Lei 5/2009 de medidas urxentes para a modernización do sector do transporte público de Galiza garántelle prórrogas sucesivas ao transporte público até o 31 de decembro de 2020.
No ano 2010, a Consellaría de Educación subscribe un concerto-marco “coas asociacións e federacións de transporte de viaxeiros para o transporte escolar e aproba un prego de condicións polo procedemento negociado sen publicidade” coas empresas que viñan prestando o servizo de transporte escolar.
Resulta sorprendente e rechamante que no contrato da Consellaría coa patronal do transporte se fixe unha cláusula que estabelece  que, de xeito xeneralizado, se incrementará o custe do contrato  nun 20% no caso  de que o centro se acolla à xornada continuada.
Esta cláusula inxustificada e totalmente abusiva suporá un obstáculo insalvábel para moitos centros para poder mudar de xornada partida a intensiva, pois automaticamente o transporte ampliaría a súa facturación un 20%, aínda que o custe do servizo, na realidade, sexa menor ou idéntico ao producido pola xornada partida.
Esta cláusula leva a que haxa diferentes centros que, unha vez levado a cabo o proceso establecido e cumprindo os requisitos para mudar a xornada intensiva, se atopen co rexeitamento das Xefaturas territoriais, debido a que teñen que facer fronte a un gasto dun 20% máis, malia que os itinerarios, as paradas e o número de autobuses son os mesmos que os fixados para a xornada partida.
Como se pode observar, estamos ante un feito gravísimo e abusivo, amais de  tramposo e inaceptábel, que só se pode explicar pola submisión da Consellaría aos intereses da patronal do transporte que procura acrecentar máis os seus beneficios sen mellorar nin ampliar o servizo 
A CIG-Ensino exixe á Consellaría de Educación  que urxentemente anule este  contrato coa patronal do transporte escolar, que está prorrogado, nin máis nin menos, até o 31 de decembro de 2020, por abusivo e fraudulento e tamén  porque, na  práctica, supón que sexa o transporte o que  fixe os horarios e a xornada dos centros educativos, impedindo a aplicación do tipo de xornada decidida polo centro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario