Técnicos de normalización lingüística dos concellos denuncian a súa "mala planificación" por parte da Xunta o que obriga a algunhas persoas a perder un ano.
Técnicas e técnicos de normalización lingüística das sete cidades
galegas e das principais vilas e comarcas do país encargadas/os de
xestionar os cursos de galego Celga acaban de solicitarlle á Xunta de
Galicia «que se anule de xeito inmediato» a comunicación que a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) lles remitiu aos concellos relativa á realización dos cursos de galego preparatorios para as probas Celga 2014.
Estes técnicos consideran que, coas instrucións que contén, é «un grave
paso atrás que empeora notablemente a xa mala planificación e xestión
da formación lingüística da poboación adulta», xa que, segundo sinalan,
supón unha «total falta de planificación»; «incrementa a dificultade,
complexidade e incomodidade do método de inscrición». Ademais,
denuncian que dá uns prazos «ridículos que dificultan a difusión da
información», pois só é duns doce días para todo o proceso de
planificación, convocatoria, publicitación, inscrición, xestión,
trámite, etc.; e porque carece de «criterios, obxectividade e
transparencia para a adxudicación e programación dos cursos».
Na solicitude que lle fixeron chegar á Xunta pídese que se «anule de
xeito inmediato esta comunicación informal da SXPL sobre a realización
de cursos Celga» e que se faga «unha planificación anual da oferta
formativa» que permita «saber que cursos hai en cada localidade e/ou
comarca, e as súas datas e horarios, para poder desenvolver unha maior e
mellor difusión da formación en lingua galega dirixida ao conxunto da
cidadanía». O obxetivo, din, é facilitarlle a asistencia a cursos a todas as persoas interesadas,
pois agora a Xunta obriga as persoas interesadas a preinscribirse en
cursos que non se sabe se vai haber e, en caso de habelos, non se sabe
que días serán, que horarios terán, etc.
Miles de galegos pendentes da convocatoria
O colectivo de profesionais da lingua fai tamén un chamamento para que
desde a Xunta de Galicia se pense nas miles de persoas que queren e
teñen que formarse en lingua galega e que están pendentes das
convocatorias dos Celga para poderen acceder a un posto de traballo ou a
unha convocatoria de emprego público. "Non poden facelo, nalgúns casos
perdendo un ano enteiro e incluso máis, por culpa da mala planificación e xestión da SXPL e polas escasas oportunidades de formación e de acreditación Celga que esta ofrece", denuncia.
Así, lembran que desde hai anos levan solicitando unha mellora na
xestión e planificación dos cursos de galego e, lonxe disto, "a SXPL dá
agora este grave paso atrás que empeora aínda máis a xa mala xestión que
había». "Sexa como for, pese a todas as trabas que desde a SXPL poñen
con este procedemento e aos ridículos prazos, indican que desde os
servizos de normalización lingüística (SNL) se debe procurar que as,
aínda que escasas, posibilidades de formación lingüística lle cheguen a todas as persoas interesadas,
para que a cidadanía sufra o menos posible a mala xestión e o desleixo
da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia»,
conclúe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario