xoves, 27 de febreiro de 2014

Educación reprende o colexio de Silleda por reducir a comida varios nenos como castigo

A directora ordenou suprimir o segundo prato e a sobremesa do menú do pasado martes a un grupo de menores polo seu mal comportamento no comedor - Inspección ordena eliminar esta sanción do regulamento interno.

A decisión da directora do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) de Silleda, Silvia Peña, de aplicar o regulamento interno para castigar un grupo de alumnos polo seu mal comportamento no comedor, suprimindo do menú o segundo prato e a sobremesa durante a comida do pasado martes, provocou as críticas dalgúns pais e a intervención inmediata da Consellería de Educación. Inspección educativa comunicou ao centro "que non pode tomar como medida a suspensión do segundo prato" para tratar de corrixir o comportamento dos menores, unha norma que o departamento autonómico que dirixe Jesús Vázquez recoñece "que estaba incluída no regulamento interno do comedor dende hai anos".
Varios proxenitores manifestaron nas últimas horas a súa indignación pola aplicación desta medida correctora que, explican, afectou a "uns doce alumnos de terceiro de Primaria" e cursos superiores. Menores que, segundo lles explicou a directora unha vez que foron coñecedores do castigo, "levaban portándose días mal" á hora da comida posto que tiraban o pan, o yoghurt e faltábanlle ao respecto" ás coordinadoras. Os proxenitores non discuten que os nenos merecesen ser reprendido, pero consideran que a pena que recibiron é desmedida e que, en todo caso, a directora tería que ter comunicado aos pais a actitude dos seus fillos. "Hai nenos que, nos tempos nos que estamos, ao mellor é a única comida que fan ao día", apunta a nai dun dos escolares do centro. Outra, incidiu onte no feito de que os pequenos amoestados tivesen que soportar "a burla" dalgúns dos seus compañeiros que si completaron a súa comida.
Recolléronlle os cubertos e estiveron a mirar como comían os outros", unha vez que tomaron o único prato que se lles permitiu: Caldo. "Algúns repetiron catro veces porque sabían que non ían comer o resto", comentou a nai dun dos castigados. "Hai un par de nenos que saíron chorando" do colexio, sostén outra proxenitora. "A min non me importa, porque o meu é mal comedor, pero hai nenos que van para casa e non teñen nin para un bocadillo", comentan. De aí a súa loita para que "non" se toque a comida" que realizan no centro educativo.
Algunhas nais acudiron onte ao colexio para falar coa directora, pedirlle explicacións e solicitarlle a modificación da norma para substituír a redución da comida "por outro tipo de castigo", como, por exemplo, deixar os menores sen recreo, ordenándolles que nese tempo copien as normas do comedor. Segundo aseguran, acordaron coa responsable do centro que se estudaría o cambio de normativa e, de feito, a Consellería informou da convocatoria dun consello escolar "hoxe (por onte) ou mañá (por hoxe) para mudar este regulamento interno e establecer nel medidas -que non sexa esa da suspensión dun prato- coas que poder corrixir os comportamentos non adecuados á hora da comida, como era o caso que se estaba a producir neste centro", apuntou onte o departamento de Vázquez.
Varios pais mostraron o seu apoio aos proxenitores dos menores castigados "ao meu neno non lle tocou, pero ao mellor poderíalle pasar en calquera momento; eu creo que deberían notificárllelo antes aos pais", comentaba onte unha nai.


Ningún comentario:

Publicar un comentario