Velaquí a valoración que fai o sindicato STEG da mobilización dos pasados días 27 e 28 de maio contra a "reválida" de 3º de Primaria implantada pola LOMCE, que consistiu, principalmente, na inasistencia do alumnado aos centros esas dúas xornadas, para non teren que realizar esa proba.
A resposta que a comunidade educativa galega acaba de dar á “reválida” de 3º de Primaria implantada pola LOMCE constitúe unha clara e rotunda deslexitimación democrática desta nefasta lei e o STEG non pode menos que felicitarse e felicitar a toda a comunidade por este exercicio de responsabilidade co futuro da escola pública que acabamos de facer entre todos/as con éxito rotundo e indiscutíbel.
Se a LOMCE xa naceu lastrada por carecer do
imprescindíbel consenso e por ter sido apoiada unicamente por un partido
e se, así mesmo, xa durante os dous pasados cursos as folgas e
mobilizacións deixaron ben patente o rexeitamento masivo de profesorado,
pais/nais e alumnado a respecto da nova lei, o sucedido os días 27 e 28
de maio de 2015 coa “reválida” de 3º de Primaria visualiza de maneira
rotunda unha evidencia que a Consellería, cegada no seu sectarismo e na
súa inflexibilidade política (esa que acaba de castigarse de maneira
contundente nas urnas o pasado 24 de maio), négase incomprensibelmente a
recoñecer: a comunidade educativa galega non respalda nin ten confianza
nin quere que siga adiante a implantación da LOMCE.
As cifras de inasistencia á “reválida” no conxunto
do ensino público galego superaron claramente o 50%, cifra de seu
extraordinaria e sen precedentes nunha mobilización deste tipo, e nun
número ben significativo de centros de cidades como Vigo e de comarcas
como O Morrazo, O Salnés, Baixo Miño e Deza, por non citarmos máis que
exemplos da provincia de Pontevedra, acadaron porcentaxes que van do 80%
ao 100%. Engánase o conselleiro unha vez máis e engana á comunidade
metendo no saco porcentual centros privados concertados e centros
públicos para minimizar o impacto da protesta dicindo que só foi
secundada por un 20% do alumnado. Na escola pública galega, a
repercusión do boicot á reválida de 3º de Primaria é, sinxelamente,
extraordinaria e cómpre felicitar por iso a todas as ANPAS, federacións e
grupos de pais/nais que fixeron posíbel co seu esforzo altruísta unha
campaña informativa que non deron contrarrestado nin a propaganda de
certos medios de comunicación obedientes ás consignas da Consellería nin
as presións da Inspección sobre moitas direccións de centros.
Resultaron patéticos, xaora, os intentos da
Consellería por negar o carácter esencialmente segregador do sistema de
“reválidas” que implanta a LOMCE e por desautorizador a eficacia e o
traballo do profesorado na avaliación continua do seu alumnado. Desde o
STEG só acreditaremos na idoneidade e autenticidade das probas de
avaliación diagnóstica cando a Administración escoite primeiro a opinión
dos profesionais da educación que traballan día a día nos centros e
cando, sobre todo, se comprometa a responder ás necesidades que se
detecten con medidas e medios de reforzo concretos, como reducir ratios
de alumnado/aula, dotar os centros dunha rede de orientación estable,
enviar máis profesorado de pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe,
incrementar agrupamentos específicos, desenvolver programas de
enriquecimento curricular, facer desdobres nalgunhas materias, crear
grupos de adquisición das linguas ou de adaptación da competencia
curricular para alumnado estranxeiro … Se non é así, seguiremos
denunciando que este sistema de probas ou “reválidas” o único que
pretende é comezar a segregar alumnado desde os 8 anos de idade e
permitirlle á Administración a elaboración de ránkings de centros e
acabar rompendo a equidade e a igualdade de oportunidades que debe
presidir a nosa escola.
A derrogación definitiva desta infausta LOMCE está
hoxe un paso máis perto. Sigamos traballando para que ocorra canto antes
e para que se abra ese ilusionante proceso de confección dunha nova lei
educativa consensuada que garanta a escola de todos/as para todos/as
pola que loitamos.
Secretariado Nacional do STEG
Ningún comentario:
Publicar un comentario