luns, 1 de xuño de 2015

Doutorand@s enfurecid@s contra a USC

O reitor da Universidade compostelá dá largas ás persoas afectadas pola mudanza do regulamento que adianta case 4 meses a data de entrega das teses de doutoramento. "É unha trapallada" e "unha afrenta á comunidade educativa", denuncian @s doutorand@s. 

Desde que presentaron a primeira reclamación formal até hoxe non foron recibid@s por Juan Viaño. Até en 3 ocasións se comunicaron co reitor da USC para solicitárenlle unha xuntanza na que expor as súas demandas perante unha orde que deixa no ar o futuro da maioría das persoas dedicadas á investigación na universidade compostelá. Porén, Viaño aínda non @s recibíu.
"Ao comezo díxonos que nós nos eramos ninguén, que el só se reunía con representantes", sinalan desde a Coordenadora Doutorand@s Enfurecid@s en conversa con Sermos Galiza. "Logo díxonos que tiñamos que reunirnos con Ramón Leis", acrecentan ao tempo que, din, "nós non queriamos ter unha xuntanza con el porque a orde foi asinada polo reitor que é quen ten capacidade executiva".
"O problema é que eles cambiaron as regras de xogo cando o xogo xa comezara"
Viaño foi dando largas ás persoas afectadas e, embora acceder a escoitar as súas demandas, o encontro aínda non ten data. "Din que accederán a algunha das nosas reclamacións mais é unha trampa", explican.
Trampas na USC
"Propoñen pasarnos a todos a tempo parcial", apuntan en relación á matrícula "e así prorrogar o tema" até se esgotar o decreto mais "iso supón resolver cada caso de maneira individualizada e através de xustificacións que permitan esa excepción". Eis a trampa. As persoas afectadas terán que recoñecer algún impedimento que condicione o tempo de dedicación á tese como unha doenza ou un traballo nocturno. "Exixirán a nosa connivencia". E por iso non pasan.
"É unha chapuza, unha trapallada", afirman. "O problema é que eles cambiaron as regras de xogo cando o xogo xa comezara" polo que manteñen as súas exixencias, entre elas a recuperación da data de depósito orixinal en febreiro de 2016 [o regulamento en cuestión adiántaa ao 30 de setembro de 2015]. De non ser así exixirán que se contemple a USC como "responsábel subsidiaria" polos prexuízos que este novo marco poida carrexar ás persoas bolseiras, entre outras.
Ás súas demandas continúan a se sumar máis apoios, para o que iniciaron unha campaña na plataforma change.org. Para alén das máis de 200 persoas que, coa súa sinatura, apoiaron a primeira reclamación administrativa, as máis afectadas; titores/as catedráticos/as e mesmo grupos de investigación solidarizáronse cun conflito que atinxe o conxunto da comunidade investigadora da USC. "É unha afrenta á comunidade educativa", sinalan, "non só é cousa dos doutorandos, é un problema xeral".
"Está claro que hai desidia" na actitude da universidade, conclúen.

Ningún comentario:

Publicar un comentario