luns, 8 de xuño de 2015

Un ano de dominio galego na Internet

Edita de Lorenzo, directora xeral da Asociación PuntoGal .

En maio de 2014, co gallo do Día das Letras Galegas, estreouse a primeira páxina web creada baixo o do dominio .gal para servir de escaparate do novo dominio da Internet e que servía de antesala para o inicio do Programa de Pioneiros que no Día de Galicia suporía o inicio dun novo espazo na Internet que en decembro abriuse á cidadanía en xeral.
Aínda que até finais de ano resulta complicado facer un repaso do funcionamento dos inicios do dominio na Internet para a lingua e a cultura galega, quixemos conversar coa directora xeral da Asociación PuntoGal, Edita de Lorenzo, para facer un primeiro repaso desta iniciativa nacida da sociedade galega que busca agora acadar unha grande visibilidade para callar entre o público galego e facilitar a súa sustentabilidade a longo prazo.
- Botando agora a vista atrás e eses días nos que púxose en funcionamento a páxina web do dominio.gal, non dá un pouco de vertixe? Como lembra eses primeiros pasos tras tantos anos de traballo para facer realidade do dominio galego?
- Este ano pasou rápido porque estivo cheo de momentos novidosos e importantes como as fases iniciais que chegaron en datas moi sinaladas. Os comezos son enriquecedores e apréndese moito e é para min unha honra estar aquí neste momento. Non poido mais que agradecer (como galega) o esforzo de todos e todas os que levan traballando (con maior ou menor visibilidade) dende fai tantos anos para que agora teñamos o dominio .gal. Sei que queda moito por facer pero sempre temos que agradecer o apoio recibido nestes anos por institucións, entidades de todo tipo, e de moitas persoas que a título persoal estiveron e seguen a axudar para que poidamos celebrar con ledicia o conseguido. O dominio é moi noviño e precisa moitos coidados pero ten moito presente e un grandísimo futuro por diante. Non podo mais que sentirme satisfeita e penso que é un sentimento que temos na Asociación PuntoGal e gustaríame pensar que se estende a nosa comunidade.
- Se nos fixamos agora no Programa Pioneiros, vemos que para apoiar o pre-lanzamento do .gal predominaban as entidades públicas e as entidades sen ánimo de lucro. Continuamos nesa situación? Segue a iniciativa privada afastada do .gal?
- O Programa Pioneiros (en todos os lanzamentos de novos dominios) nace pola necesidade dun apadriñamento (ou esponsorización) por parte de entidades públicas e privadas con e sen ánimo de lucro e no noso caso participaron todas elas aínda que o número de empresas foi menor proporcionalmente. Aínda así o seu apoio é moi importante e valorado por nós. A apertura da Fase de reserva de marcas e xa na Fase Aberta entraron moitos rexistros de nomes relacionados con empresas galegas e de fora que queren estar presentes. Na iniciativa privada non podemos esquecer a un grupo moi amplo e numeroso de persoas que a título persoal están a rexistrar os seus dominios.
- Entendemos que entón un dos grandes retos da Asociación PuntoGal será a visibilización da utilidade de dirixirse ao público a través dun dominio que represente a galeguidade dun proxecto empresarial ou que aposte pola lingua do país para dirixirse a un público obxectivo?
- A Asociación PuntoGal ten un recorrido de anos nos que se conseguiron apoios de amplos sectores e sempre mantivo o obxectivo de acadar este dominio para representar a Galicia no mais amplo sentido da palabra. Manter esa independencia e inclusión de todos e todas é un reto diario que queremos manter pero tamén debermos ser quen de visibilizalo e transmitilo. Como dis é un reto importante porque debemos conseguir que se entenda que o dominio é das persoas, empresas, proxectos e entidades de Galicia polo que .gal representa un apelido na marca en internet que transmite galeguidade dentro e fora da xeografía e fala da comunidade galega coa visión máis larga posible. Isto é importante como referente do noso fora e como achegamento do de fora a nós pois fala de nós.
- Nas Administracións públicas estamos a ver unha implantación moi desigual do .gal, e mentres a Xunta xa aprobou a súa adopción oficial, e organismos coma o Parlamento de Galicia chegaron a mudar o seu correo corporativo ao novo dominio, parece que os concellos aínda son algo prudentes a este respecto. Espérase que durante o que resta de ano poidamos ver como estas institucións tan próximas fagan unha aposta maior por lucir a súa condicións de galegas na Rede?
- É certo que é desigual porque tamén o é a capacidade técnica e de xestión das diferentes administracións e mais aínda nos concellos onde sabemos que non todos teñen as mesmas facilidades. Así podemos ver algúns que xa estiveron na fase de pioneiros e moitos rexistraron nas fases de lanzamento e seguen a facelo dende entón no só co nome propio do concello senón con variantes. Dende o rexistro, por evitar algún problema sobrevido, gardamos a lista de nomes de concellos que aínda non o rexistraran no momento da fase aberta e agora mesmo só un concello pode rexistrar o nome en .gal. Outro tema é a activación do dominio e que todos poidamos ver a páxina web en .gal funcionando e nesta parte penso que hai que dar un pouco de tempo sabendo que as capacidades técnicas en moitos concellos (sobre todo nos de menor tamaño) son realmente moi limitadas.
- Pero se deixamos a un lado a empresas e institucións e miramos ao cidadán de a pé, houbo un detalle que pareceu sorprender a moitos, como é o elevado prezo que teñen os rexistros baixo o sufixo .gal. Podería explicarnos a que é debido iso? Será algo temporal?
- A realidade é que o dominio ten gastos de funcionamento fixos (que na súa maior parte non dependen de nós) que teñen que ser asumidos co pagos dos rexistros. Para un dominio con moitos rexistros, como os .com, os .org, os .eu por exemplo a contribución que se precisa por cada rexistro novo é moi baixa pero no noso caso somos moi poucos aínda e o custe sube. Aínda que non poidamos competir con algúns dominios tan extensos como os citados, o aumento de rexistros si que fará baixar o prezo considerablemente do que temos agora e contamos que este esforzo que todos estamos a facer sexa menor pronto e tamén o notemos nas renovacións.
- E precisamente mirando ao peto, durante o mes de maio, no que se celebra o Día das Letras Galegas e o Días da Internet e das Telecomunicacións, houbo unha interesante promoción para facer máis asumible a contratacións de dominios .gal. Pasado xa o mes, houbo un balance positivo desta iniciativa? Aparte do volume de novos rexistros, notouse un incremento na visibilidade do dominio .gal graza á devandita campaña promocional?
- Estamos seguros de que o impacto da promoción, pola visibilidade en medios de comunicación acompañada da baixada de prezos animou e moito a que houbese unha maior contratación de dominios. A coincidencia coas datas (por iso se fixo) tamén axuda así como o feito de que xa levamos seis meses de fase aberta e nótase que se vai coñecendo mais cada día.
- Tras esta promoción, enténdese que a Asociación PuntoGal non parará quieta e nos vindeiros meses veremos máis iniciativas dirixidas a incrementar a proxección do dominio .gal. Onde considera que pode estar a chave para fornecer a adopción do dominio de Internet para a sociedade galega? Sería atinado pensar que o principal motor sería o exemplo?
- A activación de cada vez mais páxinas, o uso en enderezos electrónicos (que se comeza a facer nalgunhas asociacións e institucións) dará moita maior visibilidade e será un das mellores formas de promover e difundir o .gal na internet.
Dende PuntoGal seguiremos a traballar para que o impulso non pare e o número de sitios .gal activos sexa cada vez maior e conseguiremos entre todos “ser mais” e “vernos mais”.
- Existe xa algunha estimación do número de rexistros que podería ter o .gal ao remate do ano?
- É complicado facer unha estimación porque aínda só levamos seis meses funcionando en fase aberta, o número de rexistros está a medrar día a día e activación e uso real dos .gal vai axudar a que siga esta tendencia. Somos optimistas e contamos que o remate de ano poidamos celebralo en tódolos sentidos.
- Cando cre que veremos o dominio .gal coa normalidade na que hoxe vemos un .com ou un .es, e unha entidade galega non dubidará se ten que rexistrar un .es, un .eu, un .org... e irá directamente a facerse cun .gal para presentar os seus proxectos ao mundo?
- O noso país sempre demostrou que consegue o que se propón aínda que a algúns nos pareza que as cousas poderían ir un chisquiño mais rápido, así que non me atrevo con datas. Mais pronto que tarde nos daremos conta que un .gal é unha marca de valor engadido dentro e fora e polo tanto é preciso porque realmente nos distingue e na aldea global é fundamental que se vexa a diferenza e neste caso é mais que positiva.
- Aínda que principalmente o dominio .gal emprégase para levar espazos web galegos á Rede, espérase que empresas de fóra do noso territorio empreguen con regularidade o .gal para dirixirse ao público galego?
- Hai varias empresas importantes e ben coñecidas que teñen rexistrado o seu nome en .gal. Contamos con que pouco a pouco o usen e tamén que moitas outras se sumen como xeito de achegarse a nós. Penso que o verán como unha boa estratexia de mercado en tanto nós sexamos quen de darlle ese valor.
- E para rematar, unha das aspiracións da Asociación PuntoGal non é só ser sustentable economicamente, senón tamén poder chegar a xerar recursos económicos que poidan reverter na sociedade galega. Estamos moi lonxe de que ese soño pase a ser realidade?
- Os soños hai que perseguilos para que se fagan realidade. Dende que a iniciativa comezou ata hoxe pasaron moitos anos e seguro que houbo moitos momentos e que se pensou que era un soño difícil de conseguir e hoxe é un feito e estamos seguros de que ten futuro. Nese futuro non só cabe só ser sostible senón xerar recursos para que poidan volver á nosa comunidade como axudas para iniciativas nosas. É un dos obxectivos da Asociación e estamos traballando para conseguir que así sexa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario