luns, 8 de xuño de 2015

Malestar nos centros da zona polos novos fondos de libros

As directivas quéixanse de falta de persoal para facer fronte á recollida, catalogación dos manuais e a súa posterior repartición.

A posta en marcha por parte da Consellería de Educación no curso 2015-16 de bancos solidarios de libros nos centros ten en pé de guerra a asociacións de pais e centros na zona. Aínda que en moitos dos centros teñen claro que o que van facer é acatar as directrices da Xunta non están de acordo coa forma na que se expón.
Por unha banda está a necesidade de que sexa o centro o que se encargue de recoller os libros que os alumnos compraron o curso que agora acaba co diñeiro do cheque escolar recibido. Só eles están obrigados, o resto pode facelo de xeito voluntario ou non. A data máxima de entrega será o 19 de xuño, excepto para os de secundaria que teñan materias pendentes e que poderán esperar ao 4 de setembro.
O banco empeza en catro cursos de educación obrigatoria e afectará aos que cursaron terceiro e quinto de Primaria e segundo e cuarto da ESO. Os centros están recibindo estes días unha listaxe dos estudantes que recibiron cheque e cos libros que teñen que devolver.
Os centros de Primase quéixanse de que non dispoñen de persoal administrativo para realizar esta tarefa, que non é baladí e que supón levar o control da entrega dos libros, e o envío á Xunta da relación exhaustiva de cada un, consignando o código correspondente de cada exemplar.
Unha tarefa que, na maioría dos casos recaerá nos distintos equipos directivos dos centros e que non é pecata minuta en centros onde o número de estudantes cóntase por centos.
Outra pregunta que se fan os profesores da zona é que facer si os libros recolleitos non chegan para repartilos de cara ao curso que vén e aínda que se sabe que a repartición levará a cabo en base a parámetros de renda, consideran que a valoración de todos os casos será, cando menos, complicada.
O cheque escolar mantense cos mesmos requisitos en catro cursos de Primaria e en dúas de Secundaria.
Para os colexios a fórmula pode ser válida pero na práctica non está exenta de problemas . Recordan que o ano pasado a Xunta decidiu manter os vellos manuais e non cambiar os libros nos cursos nos que xa empezaba a aplicación da Lomce. Iso fai, sinalan, que agora os libros que se recollan poida que non vallan porque non están adaptados á nova normativa. E, advirten que ao comezo de curso se dará o caso de que nunha mesma clase convivan manuais novos, adquiridos por algúns alumnos, con outros vellos recibidos en préstamo, para dor de cabeza dos profesores que terán que ir adaptando as clases ou fornecendo de materiais novos aos alumnos ou fotocopias para os que moitos centros, din, non teñen fondos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario