xoves, 4 de xuño de 2015

Hai achegas entre Galicia e o mundo lusófono?

A Xunta di que hai resultados “moi positivos” da lei Paz Andrade para fomentar as relacións cos países lusófonos. A oposición critica os escasos avances da mesma e di que a o Goberno galego está vendendo "fume".

Achéganse ou non Galicia e Portugal?. Esta foi a pregunta sobre a que xirou, este mércores, a intervención do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que acudiu ao Parlamento para valorar a implantación da lei Paz Andrade para fomentar a relación con países lusófonos.
 
Está a xerar resultados moi positivos", dixo durante a súa comparecencia  parlamentaria na Comisión de Cultura. “A Xunta segue establecendo as bases para fomentar unha maior relación entre ambos os territorios a través dos idiomas”, precisou.
 
Neste sentido destacou que o primeiro impulso da Xunta neste campo dáse no ámbito educativo, para incrementar a aprendizaxe do portugués en Galicia a través do memorando de entendemento entre a Xunta e o Instituto Camões. Tamén destacou a relevancia que ten no ensino a posibilidade de elixir a lingua portuguesa como optativa de segunda lingua estranxeira, nos cursos que se sitúan entre 3º de ESO e 2º de Bacharelato, unha opción que crece "ano tras ano".
 
Ademais, García valorou a repercusión desta lei noutros ámbitos como a economía ou a cultura, que melloran a colaboración "estratéxica" entre Galicia e o Norte de Portugal, así como o impulso e promoción do Camiño de Santiago.
 
Con todo, avisou que  a lei aínda leva "moi pouco tempo" de aplicación, polo que avaliar os seus resultados resulta complicado. "Falta moito camiño por andar, pero estamos a traballar para poder facer de forma próxima moitas cousas que hai anos non sería posible" e nese sentido advertiu de que o conflito normativo sobre o idioma "freou as relacións" entre as linguas galega e portuguesa.
 
Con todo, as súas explicacións non convenceron á oposición. A deputada do Grupo Mixto, Carmen Sueiro, tachou de "tomadura de pelo" as repercusións reais que está a ter esta lei, mentres que a parlamentaria do BNG Ana Pontón acusou ao secretario xeral de "tentar confundir" e de non dar información clara sobre o impacto da lei.
 
Pola súa banda, o deputado de AGE Xabier Ron insistiu en que se necesitan actos constatables sobre a lei e unha "integración sa" do portugués en Galicia, "pero iso non sucede porque o que vostedes fan é unha mera propaganda". A parlamentaria do PSdeG Concepción Burgo tachou de "extremadamente rechamante" que o secretario xeral compareza sen cumprir a lei ao non levar ao Parlamento "un informe por escrito", o que ao seu xuízo significa que "de resultados nada de nada, eu entendo que non hai ningún".

Ningún comentario:

Publicar un comentario