mércores, 3 de xuño de 2015

CCOO esixe que o Consello Galego de Formación Profesional cumpra plenamente como órgano de asesoramento da FP

  • O sindicato pide tamén a modificación do marco regulador dos CIFP para garantir unha formación de calidade

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras (CCOO) presentou varias medidas para garantir unha formación profesional de calidade en Galicia. Os voceiros do sindicato, Maica Bouza Seoane e José Fuentes Fariña, explicaron a preocupación do sindicato a este respecto, xa que que a formación profesional ao longo da vida é «un dereito da sociedade» e especialmente dos traballadores e traballadoras; pero tamén é «un requisito para dotármonos dun tecido produtivo eficiente, competitivo, sostible e respectuoso co medio ambiente».

Para CCOO, un dos elementos «fundamentais» e cun grande potencial para deseñar e facer propostas a prol dun sistema de formación profesional de calidade e sostido na súa contorna é o Consello Galego da Formación Profesional. «Pola contra, na actualidade trátase dun órgano inoperante e sen iniciativa que a Administración utiliza só para visar as ordes cando é preceptivo o seu informe», criticaron os representantes do sindicato.

Para CCOO é «fundamental» que a Xunta tome como referencia o primeiro Plan de FP que sentou as bases para iniciar unha planificación da formación profesional en Galicia, na que os axentes sociais foron unha parte fundamental.

A consecución dunha rede de CIFP de titularidade pública é un «obxectivo estratéxico» para garantir o exercicio do dereito á formación ao longo da vida. Despois de case oito anos da súa creación, foron moitas as situacións de conflito e desaxustes orixinadas nestes centros, a meirande parte consecuencia da precipitación da Administración na creación ou transformación de centros xa existentes en CIFP, así como na elaboración dunha normativa que non deu solución aos problemas que se ían xerando nestes centros.

Polo dito, CCOO considera que se debería potenciar o funcionamento do Consello Galego da Formación Profesional e modificar o marco regulador dos CIFP baseándose nas reivindicacións, formuladas xa de vello por esta organización, para estes centros.

— Cumprimento por parte do Consello Galego de Formación Profesional de todas as funcións que ten como órgano consultivo e de asesoramento en materia de formación profesional.

— Establecemento dun mapa de titulacións negociado no Consello Galego da Formación Profesional, que deseñe unha oferta de FP axeitada ás necesidades reais da sociedade galega.

— Modificación da composición dos Consellos Sociais dos CIFP e do artigo 14 do RD 1558/2005, do 23 de decembro, no que se regula esta cuestión, para dar resposta á realidade sindical galega.

— Negociación dun novo Plan de Formación Profesional que sitúe a Galicia na vangarda da formación profesional.

— Potenciación do investimento na formación profesional e elaboración dunha memoria económica que permita coñecer a situación real dos centros, as súas necesidades e o orzamento preciso para desenvolver ao xeito as ensinanzas.

— Dotar os centros de recursos materiais suficientes para o desenvolvemento das súas funcións.

— Negociación das condicións laborais do profesorado dos CIFP (sesións, reducións, etc.)

— Incremento de persoal nos CIFP para poder realizar as accións encomendadas.

— Negociación dos cadros de persoal dos CIFP en función das horas de accións (formativas e non formativas).

— Negociación de horas lectivas mínimas para o desenvolvemento das accións, reunións e cargos do centro.

— Dotación dun segundo orientador nos CIFP para orientación educativa e laboral.

— Incremento do persoal de administración e servizos nos CIFP.

— Modificación da normativa dos CIFP que axuste o organigrama funcional e as funcións dos diferentes órganos á realidade dos centros.

— Negociación, previa á implantación, das diferentes modalidades e grupos de FP que se poden impartir nos CIFP en función dos seus recursos.

— Recuperación da xestión democrática nos CIFP, valorizando as decisións do claustro profesoral, establecendo un novo sistema de elección da dirección nos CIFP que cumpra con todas as garantías democráticas e de participación da comunidade educativa.

— Uso axeitado do sistema de xestión de calidade como ferramenta de mellora, en lugar de ferramenta de fiscalización do labor docente.

— Racionalización dos custos do sistema de xestión de calidade, dados os elevados custos que ten o actual sistema «privatizado»

— Creación dun Instituto da Calidade de xestión pública que supervise as actuacións realizadas no sistema de calidade. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario