luns, 1 de xuño de 2015

AR-K: unha aventura gráfica ‘indie’ de Galicia para o mundo

A desenvolvedora coruñesa Gato Salvaje Studio coloca o seu videoxogo nas principais plataformas de descarga.

Cando falamos de escena indie inmediatamente pensamos en grupos musicais curtidos en garaxes, selos discográficos alternativos ao mainstream, emisoras de radio discrepantes coas propostas hexemónicas da cultura popular e a comunicación de masas, e concertos en salas alleas ao circuíto comercial. Non obstante, o indie —é dicir, as propostas independentes— abriuse paso nas últimas décadas no mundo do cine, do cómic ou dos videoxogos, conformando unha subcultura que abrangue propostas culturais e de ocio alternativas á estandarización e homoxeneización da cultura de masas dominante. É aquí, concretamente na escena dos indie games, onde atopou o seu espazo Gato Salvaje Studio, unha desenvolvedora independente da Coruña nacida en 2010 que conseguiu colocar a súa aventura gráfica AR-K na maior plataforma mundial de venda de videoxogos mediante descarga dixital, converténdose na primeira empresa galega presente en Steam, con máis de 80 millóns de usuarios.
ar-k
Cun préstamo participativo convertible en capital de Xesgalicia, a Xunta de Galicia, a través desta sociedade xestora de entidades de capital risco, apoiou a campaña de expansión internacional do estudo coruñés, que puido lanzar os dous primeiros episodios, dos catro que compoñen a súa aventura gráfica, o 21 de xullo de 2014 en plataformas como Steam, Desura, Gamersgate, Windows Store, Google Play e Mac App Store. A isto hai que sumar os 101.564 dólares que AR-K logrou recadar en Kickstarter para rematar os capítulos da súa aventura, situando o proxecto galego dentro do 2% de iniciativas que obtiveron maior recadación nesta plataforma mundial de crowdfunding para o financiamento de proxectos creativos.

Grazas a estas vías de financiamento e ao grande impacto internacional que conseguiu AR-K entre a comunidade de xogadores —chegou a ser o videoxogo máis vendido en portais especializados como Games Planet, The Adventure Shop ouMedia Markt—, os seus desenvolvedores puideron atraer ao seu proxecto un ilustre guionista de cómics para escribir os episodios 3 e 4: o estadounidense Greg Rucka, gañador de 4 premios Eisner e merecedor de 16 nominacións. Rucka é coñecido mundialmente por ser o autor da saga Gotham Central, publicada por DC Comics; os seus guións para series como Batman, Superman, Lobezno, Spiderman ou The Punisher; a trama Syphon Filter: Logan’s Shadow de PSP ou a novela gráfica galardoada Whiteout, levada ao cine por Kate Beckinsale en 2009, “aínda que é especialmente recoñecido como escritor de fortes personaxes femininos como Electra, Wonder Woman ou Renee Montoya, entre outras, o que supón todo un atractivo de cara ao personaxe principal de AR-K, Alicia van Volish”, segundo os desenvolvedores do videoxogo.
Aos guións de Rucka sumouse a voz en inglés de Ash Sroka, dobradora de Tali’Zorah vas Normandy na triloxía Mass Effect, para dotar de personalidade a protagonista de AR-K.
O equipo de Gato Salvaxe Studiocompóñeno Sergio Prieto, socio fundador, director e guionista inicil do xogo; Javier Vara, cofundador e director de animación; Javier Vilar, animador; Fernando Prieto, responsable do desenvolvemento do negocio, ademais do ilustrador Víctor Guerra, a montadora Amina Abdien e Juan Nieto en comunicación dixital.

Aventura gráfica point and click

AR-K enmárcase no xénero da aventura gráfica point and click, baseada nas interaccións co cursor en escenarios, obxectos e personaxes. Os seus episodios, con textos e voces en inglés e español, desenvolvéronse co motor gráfico Unity 3D. Ademais, a dobraxe realizouse coa colaboración doutros actores e dobradores profesionais de primeiro nivel que traballaron en series como Los Simpson e películas como Jurassic Park.
Gato Salvaje Studio tamén lanzou unha campaña para conseguir 5.000 descargas en Galicia para facer rendible unha actualización automática para que todos os episodios do xogo poidan ser dobrados en galego e converterse así no primeiro videoxogo neste idioma na plataforma Steam.
Dende o seu lanzamento, AR-K recibiu numerosas melloras no que se refire a usabilidade e calidade: modificacións da interface, animacións máis coidadas, nova dobraxe, escenarios máis detallados…
Os seus dous primeiros episodios –Sexo, mentiras e traballos de clase e A rapaza que nunca estivo alí— están dispoñibles dende xullo de 2014 con máis de 8 horas de xogo, e espérase que os dous seguintes capítulos se lancen proximamente.

Tramak-6

“Alicia van Volish é unha ex-policía que intenta converterse en xornalista. Hoxe ergueuse cunha terrible resaca. Semella que se pasou coa bebida e o pouco que lembra é que pasou a noite cun descoñecido. Quen é? A única pista que logra conseguir é unha esfera dourada, que parece ser a clave para descubrir que sucedeu…”
Así comeza a trama dun videoxogo que é un canto aos títulos clásicos do xénero, segundo os seus propios autores. Humor, misterio, suspense, intriga e romance mestúranse nunha aventura cunha estética 3D e con elementos de ciencia ficción, nun escenario futurista e utópico onde se desenvolve Alicia, a deslinguada e irreverente protagonista de AR-K, á que unha serie de acontecementos lle fan formularse a súa forma de vida e o sistema social no que se criou. A través do enigma que lle formula o achado dun misterioso obxecto vese envolvida nunha complicada trama de investigación que lle desvelará que o mundo no que vive non é o que parece…

Ningún comentario:

Publicar un comentario