luns, 1 de xuño de 2015

A Xunta inxecta un millón de € aos medios tras o batacazo do PP o 24M

Destina 165.000 euros ás edicións electrónicas dos grandes medios sen contar cos medios nativos en Internet, nin os medios en galego. As novas subvencións súmanse aos 5,5 millóns que a Xunta repartiu na precampaña eleitoral.

A Xunta de Galicia, gobernada polo PPdeG, está a utilizar o diñeiro de todos os galegos para manter os medios tradicionais de comunicación de Galicia. O Diario Oficial de Galicia deste xoves recollía, novamente, unha nova subvención aos medios de sempre por máis dun millóns de euros. Unhas axudas que se suman aos máis de 5,5 millóns que a Xunta xa gastou en encher as contas das grandes familias mediaticas do país.
 
En total, nos últimos meses, o Goberno de Núñez Feijóo leva gastados, cando menos e dos que Galicia Confidencial teña constancia, 6.5 millóns de euros neste tipo de convenios. As últimas axudas chegan, ademais, logo cun gran batacazo eleitoral do PPdeG, coa perda de tres cidades e dúas deputacións, ademais de numerosos concellos.
 
As últimas subvencións foron ordeadas pola Secretaría Xeral de Medios en dúas convocatorias diferentes. Así, nunha delas decidiu ampliar o crédito inicial das axudas económicas destinadas a empresas xornalísticas e de radidifusión en 540.000 euros, de forma que o importe total que recibirán os medios tradicionais será de 1.675.000 euros.
 
Por outra banda, esta mesma secretaría destinará 475.000 euros a diversos convenios cos medios para fomentar as novas tecnoloxías e a lectura entre os centros. Así, baixo o pomposo nome de “convenio de colaboración para o fomento do uso das novas tecnoloxías de información e comunicación polo alumnado dos centros docentes públicos non universitarios de Galicia no ano 2015”, a Xunta decidiu repartir máis de 165.000 euros. Esta é a relación:
 
El Progreso de Lugo recibe 6.593,32 
La Opinión de La Coruña Media, S.L.U. recibe 12.632,07
La Región, S.A., 5.484,17
Faro de Vigo Media, S.L., 32.535,28
Rías Baixas de comunicación, S.A. --editora do Atlántico--, 2.464,79
Editorial Compostela, S.A., 8.626,78
Editorial La Capital, S.L., 2.279,93 (para o Ideal Gallego), 1.786,98 (Diario de Arousa) e 1.786,98 (Diario de Ferrol)
Canal Voz, S.A., 94.709,70
 
Curiosamente, e a pesar de que estas axudas van destinadas a edicións electrónicas, ningún dos medios nativos en internet,  entre eles GC, con 11 anos na rede, foi suxeito destas subvencións. Tampouco ningún medio en galego recibiu esta axuda a pesar de ir destinadas estas axudas a centros docentes onde está vixente o decreto plurilingüe de Feijóo no que o galego debe ter unha presenza do 33%.
 
O resto da subvención, máis de 300.000 euros foron destinados a outro convenio para o “fomento da lectura da prensa escrita polo alumnado dos centros docentes públicos non universitarios de Galicia no 2015”.  A relación de axudas é a seguinte:
 
Editorial Compostela, S.A. (El Correo Gallego), 16.863,18
El Progreso de Lugo, S.L., 25.420,61
Faro de Vigo, S.A.U., 68.207,77
Lérez Ediciones, S.L. (Diario de Pontevedra), 10.822,64
Editorial La Capital, S.L. (El ideal Gallego), 6.292
Editorial La Capital (Diario de Ferrol), 6.292,23
Editorial La Capital (Diario de Arousa), 3.271,96
La Voz de Galicia, S.L., 149.000
La Región, S.A., 18.121,62
La Opinión de La Coruña, S.AL., 9.312,50
Rías Baixas de Comunicación, S.A. (Atlántico Diario), 3.775,34
 
Novamente, e como soe acontecer, La Voz de Galicia percibe máis da metade das axudas, seguida polo Faro de Vigo, cun terzo. Así, o reparto entre os medios queda do seguinte xeito: El Progreso de Lugo, máis de 32.000 euros; Prensa Ibérica (Faro de Vigo, case 101.000 e La Opinión de A Coruña, case 22.000); La Región, 23.600 cos 6.200 de Atlántico Diario;  El Correo Gallego, case 25.000; Editorial La Capital, 21.700; La Voz de Galicia, case 244.000 euros.
 
Outras axudas
 
Esta subvención súmase a outras que a Xunta concedeu nos últimos meses. Unha de 2,5 millóns de euros de fondos europeos para “sensibilizar”, aínda máis, á poboación galega e “aos sectores implicados sobre os valores do turismo en Galicia. Tamén aportou 600.000 euros para contratar unha nova campaña publicitaria de dinamización demográfica de Galicia para o 2015 e 300.000 que a Secretaría xeral de Medios da Xunta acaba de concederlle aos medios tradicionais galegos a través de convenios.
 
A última foi unha subvención da Consellería de Economía e Industria por valor de outros dous millóns de euros para desenvolver unha campaña publicitaria para que os medios falen do ben que vai a economía do país e das súas posibilidades futuras. En total, 6,5 millóns de euros de fondos públicos, é dicir, de todos os galegos, para pagar páxinas, espazos radiofónicos e televisivos e bánners dixitais, principalmente, nos medios de sempre, os dos grandes grupos de comunicación de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario