O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso de
reposición formulado pola Xunta de Galicia fronte ao auto de 2 de
setembro de 2013 polo que iniciou a execución forzosa das sentenzas que
anulan parte de dous artigos do decreto do plurilingüismo no ensino e
daba un mes de prazo para o seu cumprimento.
As sentenzas que o TSXG esixe que se executen anularon o carácter
vinculante da consulta aos pais sobre o idioma no que desexan que
estuden os seus fillos e a liberdade do alumno de utilizar a lingua na
aula, castelán ou galego, independentemente do idioma no que se imparta a
materia.
O alto tribunal advertía de que dito prazo era "improrrogable" e atendía
así a petición exposta pola Mesa pola Normalización Lingüística e o
sindicato CIG-ENSINO.
Nun auto emitido hoxe, o alto tribunal tamén desestima o incidente de
execución exposto pola Mesa pola Normalización Lingüística e, en
consecuencia, denégase a declaración de nulidade da actuación
administrativa consistente en remitir aos centros educativos un
formulario coa pregunta ás familias do alumnado de educación infantil a
fin de que fagan constar a lingua materna do seu fillo antes do comezo
do curso académico 2013-1014.
Segundo o auto do TSXG, a Xunta de Galicia no seu recurso de reposición
aducía "con máis vehemencia que razón" que "é incorrecto falar de que se
proceda a executar unha sentenza porque se unha sentenza anula uns
artigos dun decreto non hai execución en si, nin, xa que logo, denuncia
de inexecución, xa que o fallo firme xa o expulsa do ordenamento
xurídico".
En segundo lugar, aducía a suposta indefensión da Xunta de Galicia por
non ter oportunidade de formular alegacións previamente e, para rematar,
abordaba o fondo da cuestión denunciada pola parte promotora do
incidente. "Á marxe de nominalismos procesuais e de interpretacións
tendenciosas das partes, o certo e contundente é que dito auto
limitábase a impulsar un incidente procesual, non prexulga a execución
ou inexecución do fallo, nin tampouco impón medida coercitiva algunha.
Nin máis nin menos", agrega o auto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario