Esta é, cando menos, a conclusión que cabe tirar ao observar os orzamentos educativos do Goberno galego para os últimos anos. Nos cadros de persoal incluídos nesa documentación económica Educación reflicte un plantel de mestres e profesores de relixión -maioritariamente católica, con apenas un 1% de alumnado evanxélico- idéntico dende a chegada do gabinete de Alberto Núñez Feijóo á Xunta: 975 traballadores e traballadoras dos que 580 desenvolven o seu labor en Primaria e 395 na ESO. A maioría están contratados a xornada completa e só 68 a media xornada e libráronse, ademais, dos incrementos horarios dos últimos anos.
As partidas orzamentarias apenas variaron dende 2009 e mantéñense intactas dende 2012Aínda que as estatísticas anuais da Consellería indican que non todas as prazas orzamentadas están cubertas -no curso 2013-2014, por exemplo, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos estima que hai 845 destes docentes nos colexios e institutos- o certo é que hai unha diferenza fundamental entre este profesorado e o resto de ámbitos da educación en Galicia: os cartos. As partidas orzamentarias achegadas cada ano apenas variaron dende 2009 e mantéñense intactas dende 2012.
O profesorado de relixión, elixido polos bispos, mantense alleo aos recortes mentres caen abruptamente partidas como as de fomento do galegoNos derradeiros Orzamentos do bipartito, elaborados antes da tesoirada xeral nos soldos do persoal público decretada polo Goberno central, o orzamento para profesorado de relixión era de 30,1 millóns de euros. No primeiro ano de Feijóo, 2010, a partida aumentou levemente, ata 30,2 millóns. Un ano máis tarde houbo tamén un lixeiro incremento, chegando aos 30,7 millóns de euros. Xa en 2012 o importe baixou ata 29,3 millóns, e así permaneceu en 2013 e tamén no proxecto orzamentario de 2014. A redución a respecto de 2009 é de apenas un 2,6% e o montante total supera un chisco, por exemplo, ao financiamento dos comedores escolares, que contará o vindeiro ano con 28,8 millóns.
O mantemento dos cartos para o profesorado de relixión, designado directamente polos bispados sen ter que superar as oposicións dos resto dos profesionais do ensino público, prodúcese nun contexto de abruptas caídas orzamentarias noutros ámbitos da Consellería, tales como o fomento do galego, que xa perdeu un 67% da súa dotación. Mentres, o alumnado que acode a estas clases caeu no entorno dun 8% no período analizado -o pasado curso eran uns 207.000 alumnos e alumnas-.
Ningún comentario:
Publicar un comentario