Denúnciao a organización Down Galiza e alerta de que a lei española "botará por terra todos os avances que se fixeron nos últimos anos" non só en materia educativa senón tamén de integración social.
"Posicionámonos en contra da LOMCE polo que supón para o alumnado en xeral, mais en concreto para aqueles que nós representamos, pois vai supor que se boten por terra todos os avances conqueridos até o de agora". Quen fala é Delmiro Prieto, presidente de Down Galiza.A organización mostrou o seu apoio á greve do 24 de outubro en contra da lei española porque "catalogará como inservíbeis" as crianzas con diversidade funcional "ao chegar aos 12 ou 13 anos", condenándoos "á exclusión".
Explica Prieto que non hai moitos anos a taxa de analfabetismo entre as persoas afectadas pola discapacidade intelectual estaba no 80% e a día de hoxe está no 20%, sendo do 0% no sistema educativo ordinario. Porén, o que carrexará a lei impulsada polo ministro de Educación, José Ignacio Wert, será unha volta "a tempos que tiñamos xa superados" e a conceptos como 'educación especial', que etiquetan e segregan o alumnado con diversidade funcional.
"Se falamos do caso concreto da Galiza estaban a se dar pasos moi importantes na atención á diversidade", sostén Delmiro Prieto, quen considera que a consellaría de Educación vai aplicar a LOMCE "por obriga, mais esa non é a súa intención, ou polo menos non é o que demostra o traballo dos últimos anos" en prol deste colectivo.
A consellaría de Educación defende a LOMCE
Con todo, cómpre lembrar que o titular deste departamento, Jesús Vázquez, defendeu esta norma, malia reducir nun 10% as competencias dos territorios para achegaren contidos ao currículo educativo. Argumentou o conselleiro que "a idea clara" con que o PP se presentou ás eleccións estatais "e obtivo maioría" lle outorga a Wert "lexitimidade" para impulsar unha (contra)reforma educativa.
Así as cousas, as reválidas que se farán ao final de cada etapa educativa, o incremento do número de alumn@s por aula, a redución do profesorado e o agrupamento de unidades que se promoveu nas escolas do rural poñen en xaque a atención ás necesidades educativas específicas ao colocar "barreiras infranqueábeis" que deixan a diversidade "fóra" do sistema educativo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario