A Sala Terceira do contencioso administrativo
do Tribunal Supremo admitiu a trámite o recurso que Comisións Obreiras
presentou o 24 de setembro contra o Real Decreto regulador de bolsas e
axudas ao estudo aprobado o pasado mes de agosto. A organización alegou que a nova
normativa vulnera o principio de igualdade e o dereito á educación ao
endurecer os requisitos académicos para acceder ás axudas.
En
concreto, a Federación de Ensino de CC.OO. argumentaba no seu recurso
que a norma, que eleva a 5,5 a nota media esixida para acceder a unha
bolsa de matrícula e ata un 6,5 para recibir axudas económicas, vulnera o
principio de igualdade e non discriminación do artigo 14 da
Constitución, o principio de interdición da arbitrariedade conforme a
xurisprudencia do propio Supremo e o dereito á educación que tamén
consagra a Carta Magna.
O sindicato sostén que o decreto
incorre nestas vulneracións ao poñer en situación de desigualdade aos
alumnos en función dos seus recursos económicos, xa que os que non
alcancen a nota esixida para recibir unha bolsa e carezan de recursos
non poderán seguir estudando, mentres que coa mesma cualificación, os
que poidan asumir os custos si poderán cursar o nivel formación
desexado.
Ademais, Comisións mantén que o impacto social para
as familias que non alcanzan os albores de renda establecidos na norma
recorrida non foi estimado axeitadamente polo Goberno e recorda que o
Real Decreto "foi valorado moi negativamente polo Consello de Estado",
órgano consultivo que "incidiu na necesidade de que o texto asegurase
que os alumnos que carecen de medios económicos puidesen estudar de
igual forma que o resto, sen ter que esixirlles maior nivel de
rendemento".
CC.OO. tamén solicitaba a suspensión preventiva
da norma para evitar o dano "irremediable" que na súa opinión, supoñería
a aplicación desta normativa para os estudantes que deixasen de acceder
aos seus estudos por non ter unha bolsa durante o tempo que tardara en
pronunciarse o Tribunal Supremo sobre o fondo da cuestión.
O
Supremo admitiu a trámite o recurso pero non decreta a devandita
suspensión. O asunto será dirimido no Pleno da Sala Terceira do
contencioso, á que terá que dirixir o Ministerio de Educación, Cultura e
Deporte as súas alegacións durante as próximas semanas, tal e como
informa o sindicato.
Ningún comentario:
Publicar un comentario