Noelia Maceda é a voceira da Coordenadora de ANPAS no rural. Mestra de profesión, dá aulas en Ribas de Sil. Aliás, como nai, denuncia a situación no colexio do Incio, onde estuda a súa crianza: "o ano curso pasado, na aula de 3º, 4º, 5 e 6º e unha alumna con necesidades específicas, a docente traballaba con cinco libros á vez".
O mesmo goberno que promove explotacións mineiras a ceo aberto para frear o despoboamento no rural fecha centros de ensino. Como se explica isto?
Pois aínda que pareza que non, é unha actitude moi coherente. Todo vai na mesma liña: darlle o definitivo golpe de graza a un rural en perigo de extinción. Sen nenos e sen nenas as aldeas morren, o noso rural desaparece, queda sen futuro.Cant@s docentes traballan na escola onde vostede dá aulas? Que suporía a supresión dunha praza?
O centro onde traballo conta con 3 unidades e 4 docentes. Os 29 alumnos están agrupados en tres aulas: Educación Infantil ( 3, 4 e 5 anos), 1º grupo de primaria (niveis 1º, 2º, e3º) e 2º grupo de Primaria (niveis 4º, 5 e 6º). Eu ocupo a praza de Educación Infantil que ten carácter de provisional, iso quere dicir que ano tras ano hai un docente diferente atendendo o grupo dos máis pequenos.
O centro ten na súa dotación esta especialidade e a praza está creada, mais non sae a concurso. O mesmo acontece coa praza de Educación física. Sen unha estabilidade do equipo docente, cada ano lectivo é un comezar de novo. Este ano, de feito, no centro somos todos novos agás o director.
"Eu ocupo a praza de Educación Infantil que ten carácter de provisional, iso quere dicir que ano tras ano hai un docente diferente atendendo o grupo dos máis pequenos"Se suprimen unha praza e reducen as unidades a 2, a primeira consecuencia directa é que desaparece a figura do director, polo que o centro perde categoría. Aliás, hai que volver agrupar o alumnado xuntando de 4 a 5 niveis educativos nunha mesma aula e sen suficientes docentes para facer desdobres.
Outro exemplo, o colexio do Incio onde estuda a miña filla, Sara. Conta con 2 unidades --todas as crianzas do colexio están agrupadas en dúas aulas-- e con tres prazas de profesorado: un especialista en educación física, un especialista en educación musical e un especialista en lingua estranxeira. A praza de educación infantil foi suprimida.
Quere iso dicir que non hai especialista en educación infantil?
Pois si, exactamente quere dicir iso. Que a miña filla de 5 anos non ten dereito a ser atendida polo especialista que lle toca.
Mais este ano teñen unha asignada de maneira temporal.
Si. Este ano tivemos esa sorte ao lle concederen unha comisión de servizos a unha docente que ten esta especialidade. Con todo, xa sabemos que o ano que vén teremos que nos volver entrevistar co inspector, co xefe de inspección, co xefe territorial... para que no Incio haxa, polo menos, un docente máis por riba do 'cadro de persoal' que asigna a consellaría.
"O Valedor do pobo recoñeceu que se está a vulnerar a igualdade de oportunidades a respeito dos centros do rural"O Valedor do Pobo pronunciouse a respeito desta situación no informe anual de 2012.
Falou do caso concreto de Samos, mais o que alí aconteceu é o mesmo que aconteceu no Incio ou en Triacastela: suprimiron o especialista de infantil no curso 2012-2013. E o Valedor recoñeceu que se estaba a vulnerar a igualdade de oportunidades.
Por que a problemática do ensino no rural ficou tan silenciada até o de agora?
Os recortes en educación afectaron todos os centros de ensino, mais, en maior medida, aos do rural. Xa hai anos que estamos a sufrir os efectos destes recortes. Porén, foi o ano pasado, coa supresión dos especialistas de infantil, cando se superou a liña do soportábel. Quen coñece o rural sabe que a dispersión xeográfica, unida á propia idiosincrasia da poboación, dificulta enormemente o xurdimento de movementos de protesta organizados.
Porén, fomos as nais e os pais dende as ANPAS as que chegamos ao convencemento de que era o momento de espertar e de comezar a esixir o que é de lei: a igualdade de oportunidades para os nosos fillos e fillas.
"Quen coñece o rural sabe que a dispersión xeográfica e a idiosincrasia da poboación, dificultan os movementos de protesta organizados"Artellamos un movemento de protesta que, na zona de Lugo, se vertebrou a través da 'Plataforma pola defensa da montaña e do rural'. A Xunta ten a obriga de proporcionar unha oferta educativa de calidade en todos os seus centros. Non é admisible que os do rural sexan de segunda categoría.
É posíbel ofrecer un ensino de calidade e atender as individualidade cando na mesma aula se agrupan crianzas de primeiro, segundo e terceiro curso?
A clave da calidade do ensino está na ratio e na dotación docente. As fórmulas que nos levan ao fracaso escolar son as que nos están impoñendo: máis alumnos e menos profesores. Un ensino de calidade mesturando niveis educativos na mesma aula é posíbel e moi beneficioso, sempre que os grupos non sexan grandes e sempre que exista unha dotación docente que permita facer os desdobres pertinentes nas materias que así o requiran.
Teñen denunciado que se senten tratad@s como a números.
Iso é o que sentimos tanto os docentes como as familias. Como mestra a primeira palabra que se me vén á boca é frustración.
Cóntoche un caso concreto: no Incio, o ano curso pasado, na aula de 3º, 4º, 5 e 6º e unha alumna con necesidades específicas de apoio educativo a nivel de 2º curso, tanto en Coñecemento do medio como en Lingua galega a docente traballaba con cinco libros diferentes á vez. Mírelo por onde o mires unha sesión de 50 minutos tradúcese en 10 minutos para cada nivel. Porén, para a consellaría de Educación son só 12 nenos e nenas aos que un só mestre pode atender perfectamente.
"Alumnado que antes estaba 15 minutos no transporte por traxecto e agora está 45"E os comedores escolares? Como se amañan con 2,08€ ao día por cada nen@?
Tes que facer malabares. Pensa que nun comedor con 30 comensais tes 60 euros de orzamento ao día. Con iso hai que mercar dende a pasta da sopa até a froita, a carne ou o pan. Non chega para dar froita todos os días e o peixe ten que ser conxelado. Temos o menú equilibrado que temos grazas a unha moi medida planificación e á boa disposición do cociñeiro, que bota horas de máis para facer, por exemplo, croquetas caseiras e non servir tanto pre-cociñado.
Mantéñense as rutas do transporte escolar?
No centro onde eu traballo só hai un neno transportado e todo segue igual. Porén, onde estuda a miña filla unificaron varias rutas nunha soa, de xeito que hai alumnado que antes estaba 15 minutos no transporte por traxecto e agora está 45.
Que imaxe teñen @s nen@s das mobilizacións que houbo? Como as viviron?
Déixame que che responda cun bocado do texto que desde a ANPA do Incio remitimos ao conselleiro de Educación en resposta as declaracións onde criticaba as familias que o 12 de setembro de 2012 estabamos en Santiago manifestándonos coas nosas fillas e fillos. Leo:
"Espero que a LOMCE non nos chegue a afectar, que unha lei que nace morta morta fique""Señor Vázquez Abad, a consellería de Educación á que vostede representa está insultando os centos de familias que o día 12 de setembro saíron á rúa defendendo o dereito dos seus fillos e fillas a ter un futuro no lugar onde naceron. Sí, moitos estaban ao noso lado aprendendo unha lección que non sempre se aprende nas aulas: a lección da dignidade. levan ás costas unha lección de vida fundamental: foron testemuñas presenciais de como seus pais levantaron a voz para defender os seus dereitos. Para nós, este é o mellor comezo de curso que poida imaxinar".
Como lles vai afectar a LOMCE?
Espero que non chegue a nos afectar. Confío en que unha lei que naceu morta, morta fique.
Está a Xunta a facer da escola no rural unha cuestión 'de militancia'?
Si. Na maioría dos casos é unha cuestión de escolla persoal. Hai centos de razóns que inclinan a balanza a favor do ensino no rural, como ter unha aula cunha ratio razoábel ou o sentimento de comunidade onde todos nos coñecemos e nos tratamos.
Mais é ben certo que hai familias que escollen levar os cativos aos centros das vilas e esa é, xustamente, a estratexia da consellaría: deteriorar máis e máis a calidade do ensino até que sexan os propias familias as que pechen o centro. Por que se non case a metade das supresións de mestres no ano pasado eran especialistas de educación infantil? É coma cortar unha árbore polo pé.
Ningún comentario:
Publicar un comentario