O conxunto de grupos políticos que compoñen o arco parlamentar, agás o PP, coinciden en que a contrarreforma de Wert non é pedagóxica, senón ideolóxica. Namentres as formacións nacionalistas de Galiza (BNG), Euskal Herria (Amaiur e PNV) e Catalunya (ERC e CiU) rexeitan o proxecto por poñer en xaque as linguas propias e españolizar o ensino, UPyD, artífice da emenda que tornará o español idioma vehicular en todo o Estado, di que "as linguas propias non existen, son construcións ideolóxicas".
O debate previo á votación da contrarreforma educativa rematou e ao seu principal valedor, o ministro José Ignacio Wert, só o apoiou o seu partido. Após pasar polo Congreso, agora remitirase ao Senado. Todos os grupos da oposición presentaron emendas a unha norma que consideran amparada en criterios ideolóxicos, non pedagóxicos. Foro Asturias só presentou emendas parciais e informou de que se absterá na votación. Pola súa banda, UPN non fixo ningunha intervención no debate.O balanzo: a LOMCE --Lei de mellora da calidade educativa-- nacerá cos votos que lle garante a maioría absoluta do PP, mais nacerá morta, pois todos os grupos da oposición avogaron por que sexa derrogada en canto mudar a composición do hemiciclo e a formación conservadora perder a hexemonía que lle permite quitar adiante a reforma malia non ter máis apoios que os seus propios. A lei recibiu 11 emendas á totalidade, de todo o arco parlamentario.
Uxue Barkos (Geroa Bai) => lembra que "nin unha soa" das emendas presentadas por Geroa Bai foi aceptada e que o ministro "non escoitou a comunidade educativa". Lendo un bocadiño do texto consensuado por todos os grupos da oposición, Barkos ratifica a postura do seu partido: derrogar a lei "en canto mude a actual maioría parlamentar".
BNG: "Onde están os aspectos pedagóxicos na blindaxe dos concertos económicos e a legalización das subvencións a colexios que segregan por sexo?"Enrique Álvarez Sostres (Foro Asturias) => cualificou a LOMCE de "suave lifting", sinalando que a "única aportación" é a redistribución de competencias en materia educativa e as reválidas.
Joan Baldoví (Bloc Nacionalista Valencià) => "Wert, fágalle un favor á educación e retire este proxecto; fágase un favor a si propio e non pase á historia por aprobar a lei máis efémera". Cita a Unamuno: "venceredes, mais non convencederes. Para persuadir fáltavos a razón".
Pedro Quevedo (Nueva Canaria) => ratifica o posicionamento de derrogar a lei cando o PP non teña a maioría no Congreso.
Rosana Pérez (BNG) => enceta a intervención co texto que consensuaron a maioría dos grupos da Cámara, ratificando a intención de a derrogar en canto mudar a maioría parlamentar. "Debatemos, ouvimos expertos, emendamos e a día de hoxe a columna vertebral da LOMCE segue intacta; estamos no mesmo punto de partida que hai un ano".
Repróchalle a Wert lexislar ao servizo "dos intereses que nada teñen a ver coa educación, coa formación, coa calidade e, moito menos, coa igualdade" e que vincula coa "patronal educativa, coa xerarquía eclesiástica e cos sectores máis retrógrados do seu partido". Vaticinou máis unha "resposta masiva" contra esta lei na greve xeral convocada a nivel estatal para o vindeiro 24 de outubro.
O Bloque presentou máis de 50 emendas na liña de "manter e afortalar unha educación pública, universal e de calidade que periga enormemente", mais o debate co ministro "foi un diálogo de xordos". Recriminoulle a "cruzada" emprendida "contra todo e contra todos" amparada no argumento de reducir as altas taxas de abandono escolar.
Amaiur acusa o Goberno español de aproveitar a crise para "facer súa a doutrina ultradereitista de FAES e aplicala cada sexta feira, decreto a decreto""Onde están os aspectos pedagóxicos na blindaxe dos concertos económicos e a legalización das subvencións a colexios que segregan por sexo? Son estes os que van acabar do fracaso escolar?", espetou a deputada nacionalista a Wert, a quen acusou de querer rematar "coa configuración plurinacional, pluricultural e plurilingüística" a través de proxectos de lei como o da LOMCE.
Joan Tardà (ERC) => tamén le o texto consensuado por todos os grupos. "O seu sectarismo non ten perdón porque o seu proxecto persegue asegurar para os seus a mellor parte do pastel sen ter en conta as desigualdades sociais; o seu clasismo non ten perdón porque decidiu enterrar a igualdade de oportunidades que garantía a escola pública".
"O seu nacionalismo non ten perdón porque pretende o triunfo da asimilación do meu País mediante o control dos contidos curriculares; a súa irresponsabilidade non ten perdón porque pretende dinamitar a cohesión social das nacións con lingua propia finiquitando os sistemas de inmersión lingüística; o seu fanatismo non ten perdón porque converteu o seu proxecto nunha cruzada nacionalcatolicista propia dos tempos do No-Do; teranos enfronte e non pasarán!".
"En Catalunya non aplicaremos a lei. Repítollo: non aplicaremos a lei. Franco intentou matar a nosa lingua e non o conseguiu. Vostede tampouco". Wert revólvese no seu escano.
Xabier Mikel Errekondo (Amaiur) => "ratificámonos no noso apoio a derrogar esta lei á máis mínima oportunidade". Garante que "esta aberrante lei" non se aplicará nas escolas de Euskal Herría. "Esta lei é unha auténtica bomba no corazón do noso pobo", sentenza o deputado, e resume a postura da súa formación política "cun simple 'Non pasarán!'".
Errekondo acusa o Goberno español de aproveitar a crise para "facer súa a doutrina ultradereitista de FAES e aplicala cada sexta feira, decreto a decreto, como ferramenta estratéxica para recentralizar Euskal Herria facéndonos volver 40 anos atrás e invadir as nosas aulas co retrato do rei Borbón-franquista".
Cualifica a LOMCE de "veleno mortal de necesidade" contra a normalización do euskera no ensino e emprega esta lingua para repasar bocados da súa intervención. O presidente do Congreso, Jesús Posada, chámao á orde e el responde: cun libro colocado en cada man, imita os castigos da escola franquista ao non poder falar no idioma propio.
Isabel Sánchez Robles (PNV) => enceta a súa intervención en euskera e le deseguido o texto consensuado polos grupos comprometéndose á derrogación da lei cando mude a maioría parlamentar. Acusa a Wert de facer un uso "maniqueo" dos mecanismos parlamentarios "para lle facer tragar a toda a sociedade española cun exercicio de imposición".
ERC: "O seu nacionalismo non ten perdón porque pretende o triunfo da asimilación do meu País mediante o control dos contidos curriculares"Carlos Martínez Gorriarán (UPyD) => "Non hai linguas propias, só hai linguas maternas; o demáis son construcións ideolóxicas", subliña, para defender a emenda que foi aceptada polo PP e que tornará o español en lingua vehicular no ensino en todo o Estado español "restaurando o que di a Constitución".
Caridad García (Izquierda Plural) => atribúe á LOMCE "obxectivos clasistas e privatizadores" e un carácter "netamente mercantilista que supedita a educación suspendendo materias que se estiman pouco útiles e sitúa as empresas como parte primordial do sistema educativo".
Martí Barberà (CiU) => le tamén o texto consensuado para derrogar a lei cando mude a composición do hemiciclo. Basea a intervención na "laminación de competenzas que muda o compartir polo repartir impedindo que o modelo de escola catalana poida desenvolverse" e no "ataque" á inmersión lingüística de Catalunya. "Nós respectamos igual o castelán e o catalán, son vostedes os que non o fan. Non imos permitir que creen un problema que non existe pola súa manía persecutoria contra o catalán".
UPyD defende a emenda para que o español sexa lingua vehicular: "Non hai linguas propias, son construcións ideolóxicas"Mario Bedera (PSOE) => após ler o texto consensuado pola oposición, cualifica a LOMCE de "desatino" e di que non é necesaria porque "crea problemas onde non os había e non resolve os existentes". Critica o recorte do 45% do orzamento en Infantil desde 2011, así como a eliminación da etapa 0-3 "porque non o consideran unha etapa educativa" e repróchalle ao ministro Wert que non escoitara a comunidade educativa. Bedera critica que o PP aceptase unicamente as súas propias emendas "que responden ás súas tradicionais obsesións: subordinar a escola pública á concertada, españolizar e recortar a participación da comunidade educativa".
Sandra Moneo (PP) => "nós cremos nas maiorías parlamentares e teriamos gostado doutro debate menos ideoloxizado e mais propio da lei en cuestión". Di que a formación conservadora quixera "falar de educación" e debater "sobre esa España de dúas velocidades que racha día a día coa igualdade de oportunidades". Por derradeiro, acusa ao resto de grupos de "impor os seus intereses partidistas e ideolóxicos ao interese xeral".
Ningún comentario:
Publicar un comentario