A Xefatura Territorial de Pontevedra acaba de abrirlle expedente de
revogación de cargo ao Director do IES Illa de Arousa por atrasar un día
o inicio do curso por falta de profesorado no centro, medida que foi
comunicada aos pais e nais do alumnado e apoiada polo profesorado do
centro.
Desde hai varios anos os centros escolares teñen que
comezar o curso sen todo o profesorado necesario e mesmo sen saber se
chegará unha vez iniciadas as clases. Esta situación está provocada
polos recortes da Consellaría de Educación. Ademais a situación
agrávase porque a Consellaría non cobre as baixas do profesorado en
tempo e forma, nin sequera cando estas baixas están previstas con
antelación. Esta situación está prexudicando o conxunto dos centros e
provocando que os horarios de traballo do profesorado sexan provisionais
e deban ser modificados durante o mes de setembro. A única responsábel
desta situación é a Administración educativa, que sabe que este é un
prexuízo para o alumnado, mais non actúa en consecuencia. Porén si actúa
de forma represiva cando unha dirección, de maneira coherente coa
situación, adía o inicio do curso ao non contar con profesorado
suficiente.
É inaceptábel que a Consellaría pretenda reprimir a
actuación dunha dirección e do profesorado que asume esta
responsabilidade, abrindo un expedente de revogación por ter tomado unha
decisión que é coherente coa falta de profesorado para iniciar o
curso.
Enlace para asinar o apoio ao Director.
Ningún comentario:
Publicar un comentario