A Confapa cifra o seguimento nun 90% entre os alumnos e nun 70% entre os profesoresConfapa-Galicia asegura que o seguimento do paro contra a lei promovida polo ministro Wert foi "case total" e cífrao nun 70% nos profesores e nun 90% entre os alumnos e advirte de que o éxito supera o acadado no pasado mes de maio noutra folga contra a Lomce. Nos mesmos termos se manifesta a CIG-Ensino. Anxo Louzao, o seu secretario nacional, considera que cos primeiros datos na man xa se podía falar de "éxito rotundo" e manifestaba que o paro foi finalmente secundado por máis do 90% do ensino. Para CCOO, pola súa banda, as cifras de seguimento situáronse entre o 80 e o 85%. Mentres, segundo a Xunta, a participación non superou o 25%, segundo avanzou Alberto Núñez Feijóo ao remate do Consello da Xunta.
O éxito desta nova convocatoria contra a reforma educativa e os recortes no ensino compróbase, sobre todo, na rúa. Malia a intensa choiva que cae no país desde primeiras horas, foron milleiros os que saíron xa a manifestarse nas máis de catorce marchas que estaban convocadas para a mañá, a maioría delas da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, nucleada arredor do nacionalismo e que xuntou milleiros de persoas nas principais vilas e cidades. Pola tarde, a plataforma á que se adhiren PSdeG, CCOO ou UGT volveu xuntar moreas de xente contra a lei Wert.
Foron as manifestacións de pola mañá de Compostela, Vigo e A Coruña -onde a policía local recoñeceu 10.000 persoas- as máis numerosas, con milleiros de estudantes, pero tamén de pais e cidadáns que se uniron á protesta contra unha Lomce á que dirixiron os seus cánticos, cualificándoa de "retrógrada, elitista, clasista ou españolista". Tamén no resto de cidades, como Ourense, Lugo ou Pontevedra, foron exitosas as marchas convocadas pola plataforma nacionalista, ao igual que noutras vilas como Lalín, Burela ou Ribeira. En todas elas escoitáronse lemas como "queremos becas e non discotecas" ou "ensino público e en galego". Na da capital galega, apoiada polo BNG, estivo presente o voceiro nacional da formación nacionalista, Xavier Vence.
Unhas 8.000 persoas secundaron a mobilización conxunta contra a Lomce e polo naval en FerrolMención á marxe merece a manifestación de Ferrol, onde todas as organizacións sociais convocantes e as dúas plataformas na defensa do ensino público se uniron á marcha convocada polo sector naval reclamando carga de traballo para Navantia. Unhas 8.000 persoas acabaron por conformar esta protesta conxunta. En Compostela, única cidade onde a Plataforma en Defensa do Ensino Público -nucleada arredor de CCOO e UGT- convocou marchas para a mañá, a manifestación rematou no Obradoiro e foi menos numerosa que a do outro colectivo. Nela puido verse a José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG, xunto a outros dirixentes socialistas como Francisco Caamaño, Carmen Gallego ou Guillermo Meijón.
Xa pola tarde, seis cidades acolleron novas manifestacións, desta vez lideradas por CCOO e UGT. En todas elas a afluencia volveu ser masiva e volvéronse repetir os mesmos cánticos e reivindicacións que á mañá contra a Lomce e reclamando un "ensino público e de calidade". O recorte nas bolsas e o carácter "privatizador e retrógrado" da lei Wert volveron ser algúns dos aspectos máis criticas en todas as marchas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario